O Museo acolle as VII Xornadas de Onomástica Galega centradas na relación entre nomes propios e literatura

O encontro, organizado pola RAG en colaboración coa Deputación, xuntará o vindeiro sábado 15 a persoal investigador e creadoras literarias

06/10/2022

Xornadas de onomástica galega

O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 15 de outubro as VII Xornadas de Onomástica Galega que este ano centrarán o debate nos nomes propios utilizados na literatura galega. O encontro, organizado pola RAG da man da Deputación e o Museo, pretende xuntar a persoal investigador e creadoras literarias para debater sobre a fecunda pegada da onomástica nas letras galegas dende a literatura medieval á moderna.

Entre outras cousas porase sobre a mesa como se escollen os nomes para as protagonistas de novelas ou porque se utilizan determinados topónimos nalgúns textos. Como exemplos, poranse sobre a mesa nomes como a Maxina de Marcial Valladares, a Maxa de Xohana Torres, o Adrián Solovio de Otero Pedrayo ou o Balbino de Neira Vilas. Tamén se abordarán topónimos reais como o Bastavales, Laíño e o Lestrobe de Rosalía, os do Courel de Novoneyra e outros entre a realidade e a ficción como as Terras de Miranda de Cunqueiro.

As persoas interesadas en inscribirse na VII Xornada de Onomástica Galega poden facelo antes do 12 de outubro escribindo un correo electrónico a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de teléfono. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal.

O programa, que xa fora presentado pola deputada de Lingua María Ortega, o director do Museo Xosé Manuel Rey, o presidente da RAG Víctor Freixanes, e a académica de número Ana Boullón (organizadora desta nova cita xunto á académica correspondente Luz Méndez) arrincará o sábado 15 de outubro ás 10.30 horas con catro intervencións de persoas investigadores.

Participarán na primeira mesa de traballo Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, que se centrará na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, que fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

A seguir, será a quenda de falar da literatura medieval, con exposicións a cargo de Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

Xa pola tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada Xosé María Álvarez Cáccamo, acompañado de Magdalena Gamallo, cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.