O Museo de Pontevedra acolle unha representación da indumentaria tradicional galega fotografada por Ruth Matilda Anderson

Dende o 6 de agosto ata o 16 de outubro o Museo albergará a exposición que representa as vestimentas tradicionais fotografadas pola artista estadounidense nas súas viaxes a Galicia entre os anos 1924 e 1926

02/08/2022

Ruth Matilda Anderson

O vindeiro sábado 6 de agost0, a partir das 12:00h, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra abrirá as portas a “Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia”. Unha exposición organizada polo Museo de Pontevedra en colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que se encargou de aportar o material fotográfico e comisariada pola pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

Con máis de 75 traxes, a mostra reproduce cada unha das vestimentas fotografadas por Ruth Matilda Anderson na súas viaxes a Galicia entre 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society de Nova York. Unha experiencia que nos permitirá coñecer a Galicia dos anos 20 a través da lente da súa cámara e as anotacións do seu “caderno de bitácora”.

A exposición fará un percorrido pola vida, indumentaria e costumes, especialmente das mulleres, da Galicia a comezos do século XX. Grazas á labor dunha moza neoiorquina  que tivo que mergullarse no folclore galego para desempeñar unha labor fotográfica e etnográfica, descubrimos unha terra que aínda se atopaba no século XIX e comezaba a cambiar. Capturou todo o que estaba a piques de transformarse coa chegada da modernidade para que perdurase no tempo. A través das súas imaxes coñecemos aqueles oficios que deixaron de existir, as paisaxes que cambiaron, a roupa que vestían, as romarías onde se divertían ou as feiras onde comerciaban entre outras situacións da vida cotiá mediante máis de 150 fotografías de Anderson, algunha delas inédita.

Esta mostra é froito de cinco anos de estudo, busca, análise e recuperación na que Sete Espadelas amosa unha compilación de vestimentas que forma parte dos fondos da súa colección para reproducir as fotografías de Ruth Matilda Anderson. Este proxecto supera as 1.000 prendas expostas, unha gran parte delas antigas ou reproducidas a partir de patróns e tecidos antigos acompañadas de ferramentas de traballo orixinais da época e de incalculable valor etnográfico.

Tamén se publica un catálogo, que recolle máis de 300 fotografías da americana, así como as dos traxes reproducidos para esta ocasión e diferentes pasaxes do seu caderno traducidos por primeira vez ao galego. Do mesmo xeito, fai unha profunda análise do que significou e significa para a nosa etnografía o traballo recollido pola fotógrafa neoiorquina.

A exposición inaugurarase coa presencia dos comisarios da exposición: José Luis Rodríguez e David Quiñones, que farán visitas guiadas todos os sábados de 10.30h a 12:00h mentres dure a mostra.