A Deputación pecha este domingo en Portas as actuacións do primeiro ciclo do circuíto +Escénicas

“Ladrón de risas”, da compañía Expresión Producións, representarase ás 19:00 horas no auditorio da Azucreira

20/03/2025

A Deputación de Pontevedra pecha o pano do primeiro ciclo do circuíto +Escénicas este domingo 23 de marzo no concello de Portas. A función será a última programada nesta primeira edición dunha iniciativa provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. A segunda edición de +Escénicas xa está en marcha cun orzamento de 195.000 euros, fronte aos 150.000 euros da primeira convocatoria.

A última función que se representará desta primeira convocatoria será “Ladrón de risas”, da compañía Expresión Producións, ás 19:00 horas no auditorio da Azucreira. Trátase dunha comedia para público adulto que inclúe tres historias en tres vivendas dun mesmo edificio, o edificio dos corazóns. Nunha escoitan ruídos, noutra mesturan traballo e amor e na última estase organizando unha cea de amigos, pero aínda o poden pasar mellor. En todas as historias nada é o que parece e os ladróns só rouban sorrisos.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra). Desde o 17 de marzo, os concellos xa poden solicitar os novos espectáculos.