A Deputación celebra en Príncipe Felipe o Día Mundial do Teatro cunha comedia musical sobre os valores da tolerancia e a diversidade

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu á representación de “Pum! Pum! Quen hai?”, a cargo de Ártika Cía, que segue as aventuras de Gaia nunha aldea galega

27/03/2025

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu á representación de “Pum! Pum! Quen hai?”, a cargo de Ártika Cía

A deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, asistiu este xoves no Centro Príncipe Felipe á función “Pum! Pum! Quen hai?”, de Ártika Cía, coa que a Deputación de Pontevedra celebrou o Día Mundial do Teatro. A institución provincial pon en valor, deste xeito, o que esta modalidade das artes escénicas representa para a cultura a nivel mundial sumándose a unha efeméride que se leva celebrando desde o ano 1961.

A deputada Sandra Bastos sinalou que “hoxe é un día para reivindicar o teatro e esa imaxinación que tantas páxinas, pezas de arte ou obras nos ten deixado e nos segue deixando na historia, porque o bo que ten a creatividade é que é unha fonte inesgotable de enerxía”. Respecto ao teatro, a deputada provincial asegurou que “o máis grande que ten é ter preto a quen o interpreta, vivir coas actrices e os actores todas esas aventuras ás que lles dan vida”, e apuntou que “esa proximidade é a que nos fai vivir se cadra máis intensamente esta arte, fai que sexa máis especial que, por exemplo, ir ao cinema”. Por estas e outras razóns, tal como lembrou Sandra Bastos, “impulsamos por vez primeira na historia da Deputación de Pontevedra unha iniciativa para espallar o teatro e a danza por toda a provincia, +Escénicas, porque queremos que a maxia das artes escénicas chegue a todas as nosas veciñas e veciños”.

“Pum! Pum! Quen hai?” de Ártika Cía, segue as aventuras da súa protagonista, Gaia, nunha aldea galega onde cada día é un xogo. Cando aparecen novos veciños  e veciñas misteriosos, como Tía Maruxa ou Don Rosmón, o pobo enfróntase aos seus medos a través dunha serie de equívocos cómicos que destacan a importancia da aceptación, a tolerancia e a diversidade. Esta produción, unha comedia musical para toda a familia, é unha celebración da comunidade e a diversidade que conta cun profundo arraigo cultural e o seu enfoque está cargado de temas sociais actuais. Trátase, de feito, dunha das actuacións incluídas no catálogo do circuíto provincial +Escénicas.

Galerias de imaxes