A Deputación mantén aberto ata o próximo luns o prazo para que os concellos escollan os seus espectáculos de teatro e danza no marco do circuíto +Escénicas

A iniciativa conta cun orzamento de 195.000 euros, un 10% máis que o pasado ano, para que os concellos de menos de 20.000 habitantes poidan financiar a súa programación de artes escénicas en galego

24/03/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 31 de marzo o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan solicitar algunha das actividades incluídas no catálogo do circuíto +Escénicas. A institución provincial apoia deste xeito a programación de espectáculos de danza e de teatro nestes concellos cunha dotación de 195.000 euros, o que supón un 10% máis de recursos fronte á primeira edición do circuíto.

Os concellos beneficiarios recibirán ata 3.800 euros para sufragar os espectáculos en réxime de cofinanciamento, desde o 90% para os concellos de menos de 5.000 habitantes ata o 70% para os de entre 10.000 e 20.000 veciños. Poderán seleccionar un máximo de cinco espectáculos, e no caso de solicitar entre catro e cinco un deles terá que ser obrigatoriamente de danza.

Na primeira convocatoria de +Escénicas realizáronse máis de 300 espectáculos en 49 concellos da provincia, que avaliaron positivamente esta iniciativa cunha nota de sobresaliente. O novo catálogo, dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, conformouse durante o mes de febreiro, e agora os concellos poden escoller cales destas propostas, todas elas en lingua galega, queren incluír na súa programación cultural entre os meses de abril de 2025 e marzo de 2026.