A Deputación abre este luns o prazo de solicitude de +Escénicas, o circuíto cultural da institución para espallar teatro e danza polos concellos da provincia
Cun orzamento de 195.000 euros, un 10% máis que o pasado ano, pon a disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes un catálogo de artes escénicas en galego que poderán solicitar ata o 31 de marzo
15/03/2025
A Deputación de Pontevedra abre este luns 17 de marzo o prazo para solicitar algunha das propostas do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan programar espectáculos de danza e de teatro. Esta segunda edición, que conta co aval dos propios concellos que o valoraron cunha puntuación de 9,5 sobre 10, ten un orzamento de 195.000 euros, un 10% superior ao pasado ano, e supón un importante revulsivo para as compañías e artistas de artes escénicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia.
Os concellos beneficiarios recibirán ata 3.800 euros para sufragar os espectáculos en réxime de cofinanciamento, desde o 90% para os concellos de menos de 5.000 habitantes ata o 70% para os de entre 10.000 e 20.000 veciños. Poderán seleccionar ata cinco espectáculos, e como novidade, no caso de solicitar entre catro e cinco obrigatoriamente un deles deberá de ser de danza.
Na primeira convocatoria de +Escénicas realizáronse máis de 300 espectáculos en 49 concellos da provincia. Agora os concellos poden elixir entre as propostas recollidas no catálogo, dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra e solicitar os espectáculos ata o vindeiro 31 de marzo. As actuacións, todas elas en lingua galega, deberán celebrarse entre o 1 de abril de 2025 e o 31 de marzo de 2026.