Case 150 persoas participan este domingo no programa da Deputación “En ruta coa Depo”
Veciñas e veciños do Grove, Silleda e A Estrada coñecerán lugares singulares da provincia de concellos coma Cuntis, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño, Arbo, Mondariz-Balneario ou Ponteareas
25/11/2023
A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 26 de novembro tres novas saídas no marco do programa “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos de Pontevedra. Entidades da Estrada, O Grove e Silleda mobilizarán un total de 146 persoas para que coñezan diversos concellos da provincia coma Cuntis, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño, Arbo, Mondariz-Balneario ou Ponteareas.
A Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa de San Vicente do Grove percorrerá o miradoiro do parque Maráns e o castro de Castrolandín de Cuntis, e tamén Caldas de Reis. Ata Mondariz-Balneario e Ponteareas desprazarase a Asociación de Mulleres Rurais Fervenza do Castelo de Silleda para descubrir o castelo de Sobroso e o castro de Troña. Por último, a Asociación de Mulleres Rurais A Sobreira Callobre da Estrada visitará o concello de Salvaterra de Miño para coñecer o seu conxunto histórico e o parque A Canuda, así como o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e as pesqueiras do río Miño en Arbo.
A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra ofrece 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 2.300 persoas e case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia e mais un xantar.