Máis de 600 persoas participan esta fin de semana no programa provincial “En ruta coa Depo”

Usuarias e usuario de asociacións de Sanxenxo, Cangas, Cambados, Vigo, A Estrada, Pontevedra, Portas e Vilagarcía de Arousa participan neste programa da Deputación de Pontevedra para coñecer lugares singulares da provincia

11/11/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana doce saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Neste caso, entidades de Sanxenxo, Cangas, Cambados, Vigo, A Estrada, Pontevedra, Portas e Vilagarcía de Arousa mobilizarán 629 persoas para coñecer o castro de Santa Trega, o castelo de Soutomaior ou, entre outros espazos da provincia, o Museo Etnográfico e do Viño de Cambados.

Este sábado 11 de novembro un total de catro asociacións participarán no programa provincial. Dúas entidades, a Asociación de Xubilados e Pensionistas San Estevo de Noalla (Sanxenxo) e a Asociación O Batuqueiro de Vilariño (Cambados), irán ata o castro de Santa Trega na Guarda e despois desprazaranse a Tui para visitar o seu conxunto histórico xunto co monte Aloia e o castro Alto dos Cubos. Outras dúas asociacións, a Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs (Cangas) e a Asociación de Xubilados de Vilalonga (Sanxenxo), coñecerán algúns dos puntos de interese de Lalín coma o centro CastroDeza, o pazo de Liñares ou os museos Casa do Patrón e o Museo Municipal Ramón María Aller.

Para o día seguinte, o domingo 12, son oito as saídas programadas. A Asociación Ximnasia Santomé (Cambados) xunto co Centro Cultural Candelas Lantaño (Portas) percorrerán o conxunto histórico e o parque da Canuda en Salvaterra de Miño e visitarán o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo. A Asociación de Veciños Santa Eulalia de Matalobos (A Estrada) fará unha ruta polo municipio de Baiona que inclúe paradas no seu conxunto histórico, na Casa da Navegación e no monte Boi. A. A. C. D. Chan do Monte (Pontevedra) visitará en Cambados o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo ou a bodega do pazo de Fefiñáns. Os membros da Asociación Cultural Cantareiras Bulideiras (Vilagarcía de Arousa) irán ata os castros de Santa Trega e ao Alto dos Cubos. A Asociación de Persoas Xordas de Vigo realizará unha ruta marítima ata a illa de San Simón e visitarán o castelo de Soutomaior e o Museo Meirande, mentres que a Asociación Mulleres Progresistas de Darbo (Cangas) ten programada unha saída a Lalín para coñecer o centro CastroDeza e o pazo de Liñares, entre outros puntos de interese. Por último, a Asociación de Veciños de Teis (Vigo) realizará a Ruta das Maceiras da Estrada e visitará pazos desta localidade e da cidade de Pontevedra.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas están financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.