Esta fin de semana 350 persoas participan no programa provincial “En Ruta coa Depo”

Usuarias e usuarios de asociacións de Vigo, Baiona, Cangas, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas participan neste programa da Deputación de Pontevedra para coñecer lugares singulares da provincia

18/11/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana oito saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Neste caso, entidades dos concellos de Vigo, Baiona, Cangas, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas mobilizarán 350 persoas para coñecer espazos singulares da provincia.

Dúas das saídas están programadas para este sábado, 18 de novembro. Integrantes da Asociación Amigos de los Pazos (Vigo) farán un percorrido polos pazos pontevedreses de Lourizán e Gandarón e polo de Oca, na Estrada. A Asociación Ardelume Baíña (Baiona) visitará o castro de Santa Trega na Guarda, xunto con outros espazos de Tui, coma o seu conxunto histórico, o monte Aloia e o castro Alto dos Cubos.

Para o domingo 18 hai cinco saídas programadas. A Asociación de Veciños Malladoiro (Cangas) desprazarase ata Caldas de Reis e Cuntis para coñecer os seus conxuntos históricos e Castrolandín. Pola súa banda, a Asociación Cultural Reiriz 2016 A Queimada (Pontevedra) fará unha ruta polo conxunto histórico e parque da Canuda de Salvaterra de Miño, e polo Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea en Arbo. Por outra banda, a Asociación Folclórica Unión Piñeira Treboada de Guillán (Vilagarcía de Arousa) visitará diferentes puntos de Cangas, coma Cabo Home ou a igrexa do Hío, e de Bueu, coma o Museo Massó e Cabo Udra. A Asociación ALCER (Pontevedra) ten programada unha ruta marítima ata a illa de San Simón, para máis tarde visitar o castelo de Soutomaior e o museo Meirande en Redondela. Por último, integrantes do Centro Cultural San Félix de Celeiros (Ponteareas) irán ata Cambados para coñecer o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial; delas, 300 fináncianse ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.
 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.