O espectáculo Cacho animalada chega este domingo a Baiona no marco do ciclo de teatro da Deputación
A función, protagonizada pola narradora Vero Rilo e con entrada libre ata completar a capacidade, terá lugar no multiúsos de Sabarís
02/12/2023
Este domingo o multiusos de Sabarís do concello de Baiona será o escenario da actuación protagonizada pola narradora Vero Rilo, que porá en escena a obra Cacho animalada no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función, para gozar en familia, dará comezo ás 18:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.
Dirixida a un público infantil e familiar, Cacho animalada trátase dunha narración con música de guitarra centrada nos contos de tradición oral, en versións libres e revisadas dos Cuentos de hadas de Ángela Carter ou nos contos de autoría que xa son clásicos da literatura. Trátase de todo un repertorio acompañado de humor, rock, música, alegría e de animais que fan desta actuación un espectáculo fresco e para toda a familia.
Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais de mes, un total de corenta e nove funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer unha ampla variedade de espectáculos por toda a xeografía de Pontevedra.