Arbo acolle este sábado a función de Migallas Teatro ao abeiro do ciclo de teatro da Deputación

A compañía pontevedresa porá en escena “Falemos como galegas”, ás 19 horas, no auditorio municipal da vila. A entrada será libre ata completar a capacidade

08/12/2023

O Auditorio Municipal de Arbo será escenario este sábado, 9 de decembro, da actuación da compañía pontevedresa Migallas Teatro, que porá en escena a obra “Falemos como galegas” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo, ás 19 horas, e a entrada será libre ata completar a capacidade.

“Falemos como galegas” é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan cuestións relacionadas coa lingua galega, como por exemplo os falsos tópicos ao redor dela, os prexuízos ou cal é o seu futuro. María Campos e Carlos Yus dan vida nesta peza, dirixida a público mozo e adulto, a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular señora de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa “Luar” e toda unha icona do castrapismo.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.