A compañía Malasombra leva “Testosterona” este domingo a Caldas de Reis no marco do programa escénico da Deputación

A función terá lugar, ás 19 horas, no auditorio municipal da vila con entrada libre ata completar a capacidade

09/12/2023

O Auditorio Municipal de Caldas de Reis será escenario este domingo, 10 de decembro, da actuación de Malasombra, que porá en escena a obra “Testosterona” no marco do programa “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo, ás 19 horas, e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza teatral “Testosterona” aborda o proceso de decisión dun director de medios de comunicación que debe elixir a un dos seus subdirectores, un é home e outro muller, para que ocupe o seu posto de traballo. Exponse unha disxuntiva sobre cal será a persoa que ocupe o cargo e, sobre todo, cales serán os principais factores que influirán na decisión. Unha fábula contemporánea cunha lectura a diferentes niveis, no que sobresae a idea de que a muller se conforma con acadar o poder que o sistema, creado polos homes, establece.

Co programa teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.