O ciclo teatral da Deputación chega este sábado a Sanxenxo con “Ris Ras”

A compañía Baobab será a encargada de poñer en escena esta peza no Auditorio Emilia Pardo Bazán, ás 17:30 horas

08/12/2023

O Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo será escenario este sábado, 9 de decembro, da función da compañía Baobab, que porá en escena “Ris Ras”, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo, ás 17:30 horas ,e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A compañía teatral Baobab presenta con “Ris Ras” un espectáculo de música, xogos, enredos e historias tradicionais da man dun trasno que nace do amor entre Catalina e Lorenzo (a Lúa e o Sol). Dirixido a un público infantil e familiar, ten como obxectivo a posta en valor da lingua galega e de profundar nos ditos populares, refráns, poemas, leas e enredos menos coñecidos para que non se esquezan.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.