Luis López resalta o papel destacado do Salnés no “impulso investidor” da provincia en só oito meses como mostra do municipalismo que rexe a Deputación

O presidente provincial participou este xoves no almorzo do Foro Galicia Empresarial que tivo lugar na bodega Granbazán na que presentou o plan de investimentos do Goberno provincial e a importancia de consolidar o Salnés como referencia do turismo enolóxico

04/04/2024

Luis López no Foro Galicia Empresarial

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia do tecido empresarial da comarca do Salnés como o "motor" para o desenvolvemento económico do conxunto da provincia. Durante a celebración dun almorzo promovido polo Foro Galicia Empresarial, que tivo lugar este xoves na bodega Granbazán de Vilanova de Arousa, o mandatario provincial salientou tamén a variedade e fortaleza das empresas que constrúen desde o Salnés unha provincia máis forte en turismo, enoloxía, pesca e outros moitos sectores, que poden contar coa Deputación como un leal socio colaborador. "As economías que valoran as súas empresas poden funcionar ou non; pero as que desprezan os emprendedores fracasan seguro", declarou o presidente da Deputación para reafirmar o compromiso do seu Goberno para tender pontes e apoiar o emprendemento no Salnés e en toda a provincia.

Acompañado pola vicepresidenta e responsable da área de Economía da Deputación, Luisa Sánchez, e outros membros do Goberno provincial, Luis López quixo destacar tamén a boa saúde do sector empresarial do Salnés e a determinación dos empresarios e emprendedores que poñen o seu capital, tempo e talento a servizo da provincia. "Somos unha provincia pequena en extensión, pero cunha enorme capacidade emprendedora", sostivo o presidente, quen define á Deputación de Pontevedra como unha entidade que "si recoñece a importancia dos empresarios, si apoia o emprendemento e si escoita a voz dos profesionais, porque ninguén mellor que vós coñece o camiño e os obstáculos polos que avanza este sector".

Neste sentido, o presidente da Deputación presentoulle ao empresariado os programas de investimento que a Deputación ten en marcha na comarca do Salnés e en toda a provincia, que serven para impulsar a economía e apoiar as empresas do territorio dotándoas de carga de traballo. En primeiro lugar, Luis López referiuse aos investimentos comprometidos do plan PON2030 que ascenden a 7 millóns de euros, 4 millóns achegados directamente pola Deputación, nos concellos do Salnés. Fixo referencia tamén ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, do que Vilagarcía de Arousa é o concello que pode optar a máis fondos, ata 206.000 euros, que está a dar froitos con actuacións en campos de fútbol coma o da Armenteira ou da Lomba. Porén o dirixente fixo especial fincapé no Plan +Provincia, o plan de obras e servizos máis alto da historia da Deputación dotado con 48,2 millóns de euros. "Neste primeiro trimestre activamos xa máis de 15 millóns de euros", puntualizou López, quen recordou tamén que "os concellos do Salnés poden acceder a case 8 millóns de euros deste plan, cunha suba que vai implicar que nos catro anos de mandato sexa de 2,5 millóns de euros máis que nos anos anteriores".

Ademais, o presidente repasou outros plans e investimentos que teñen o obxectivo de xerar riqueza en toda a provincia, coma o contrato para o servizo de conservación de estradas para os vindeiros 5 anos por 39 millóns de euros, os plans Acción Comunitaria e +Aqua, que reparten ata 10.000 euros entre os colectivos e contan cun orzamento dun millón de euros cada un; ou a primeira liña de axudas para a mocidade dotada con 100.000 euros a través do Plan +Xuventude. Do mesmo xeito, López recordou os convenios específicos para apoiar grandes investimentos nas cidades de Vigo e Pontevedra por un importe total de 8 millóns. "Cada euro investido pola Deputación nestes plans, é un euro que xera benestar e actividade na provincia", defendeu o presidente.

Aposta pola enoloxía como motor do turismo

Aproveitando a realización deste foro nunha bodega, o máximo responsable da Deputación fixo unha mención especial á importancia do turismo na economía do Salnés e da provincia. "A marca Rías Baixas nace aquí, e desde aquí se estende por toda unha provincia que nos agasalla experiencias 100 % recomendables. O turismo é o noso escaparate, a nosa marca, o noso orgullo, un dos nosos motores e tamén o compromiso da Deputación", afirmou Luis López.

Neste sentido, o presidente referiuse ao enoturismo como un dos principais atractivos deste destino turístico. "Entre os dez puntos máis buscados polos usuarios de redes sociais nas Rías Baixas había bodegas, e non en posicións de cola", resaltou. É por iso que aproveitou para tender a man da Deputación ao empresariado da Denominación de Orixe Rías Baixas para impulsar este modelo de turismo que "xa reporta réditos máis que interesantes". Un obxectivo para o que é preciso "traballo e planificación" como a que impulsan desde Turismo Rías Baixas, cun plan estratéxico que está a consolidar as Rías Baixas como un destino atractivo, moderno e desestacionalizado. Neste punto, Luis López adiantou que as Rías Baixas acaban de recibir unha axuda do Ministerio para gozar das praias ao longo de todo ano como espazos de ocio, sendeirismo ou observatorio de estrelas.

Luis López rematou o seu discurso agradecéndolle ao colectivo empresarial a organización de foros deste tipo e reiterando que a Deputación é unha administración que "ademais de pontes, tamén lles tende a man aos emprendedores e emprendedoras da nosa provincia". Porén, lamentou que a provincia non recibe o mesmo trato por parte doutras administracións, dixo o mandatario en referencia á negativa a transferirlle a Galicia a ordenación do litoral, aos retrasos na implantación dos trens Avril ou na chegada de fondos europeos para proxectos estratéxicos coma o Perte de Stellantis.

"A provincia de Pontevedra pode estar orgullosa do seu tecido empresarial. Hoxe saio de aquí coa certeza de que somos un pouco máis aliados", concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes