Luis López sinala o enoturismo, unha modalidade turística en auxe, como unha das grandes fortalezas do destino Rías Baixas nunha xornada celebrada no Castelo de Soutomaior

08/05/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a Ruta do Viño Rías Baixas, a única galega recoñecida en España, como o fío condutor para posicionar a provincia como destino turístico de referencia no enoturismo. O mandatario provincial participou este mércores nunha das tres mesas redondas da primeira edición da Xornada de Enoturismo nas Rías Baixas que organizou La Voz de Galicia no Castelo de Soutomaior.

O titular do goberno provincial remarcou que o viño e a tradición vitivinícola da provincia aglutina infinidade de propostas de interese para atraer visitantes. “Cada vez son máis os que veñen a Rías Baixas atraídos pola riqueza vinícola do noso territorio”, concluíu Luis López, quen destacou a proposta enoturística da provincia e da Ruta do Viño Rías Baixas, composta por 48 adegas, 17 aloxamentos singulares e 10 restaurantes.