A Deputación aproba en pleno a adxudicación por 39 millóns do novo contrato de conservación de estradas para garantir a seguridade e bo estado nos vindeiros 5 anos
A sesión extraordinaria serviu tamén para aprobar o proxecto de mellora de mobilidade peonil da EP-0002 entre O Marco e Figueirido, en Pontevedra, cun investimento de 1,72 millóns, ademais dunha moción para que o Goberno impulse o AVE entre Vigo e Portugal
13/09/2024
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada en substitución do pleno ordinario correspondente ao mes de agosto, a adxudicación do contrato do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación de Pontevedra para os vindeiros cinco anos cun investimento total de 39 millóns de euros. Así mesmo, saíu adiante o proxecto de mellora da mobilidade peonil da estrada provincial EP-0002 entre O Marco, Tomeza e Figueirido, no termo municipal de Pontevedra, que supón o desembolso de 1,72 millóns de euros.
O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da adxudicación do contrato do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación. A deputada responsable da área de Infraestruturas, Isabel Couselo, foi a encargada de explicar os detalles dun contrato valorado en 38,9 millóns de euros que asegurará o bo estado de conservación dunha rede viaria provincial, de 1.700 quilómetros de lonxitude, para os vindeiros catro anos, coa posibilidade dunha prórroga adicional dun ano. O contrato dividiuse en tres lotes e no proceso de licitación participaron un total de empresas. Despois de analizar todas as propostas, a Mesa de Contratación propuxo adxudicar o lote 1 (norte) á UTE XAC-Francisco Gómez por un importe total de 9,74 millóns de euros; o lote 2 (centro), á UTE Audeca-Narom, por 8,57 millóns; e o lote 3 (sur) a Civis Global por 7,78 millóns de euros. Unha adxudicación que este venres referendou o pleno para culminar agora os restantes trámites administrativos e asegurar o inicio do contrato o vindeiro 1 de novembro.
En materia de mobilidade, tamén foi aprobado por unanimidade, o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0002, no termo municipal de Pontevedra, entre as localidades de O Marco, Tomeza e Figueirido. O voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, detallou o contido desta iniciativa, froito dun convenio entre o organismo provincial e o Concello, a través do cal a Deputación investirá 1,72 millóns de euros nun tramo de 2,5 quilómetros de lonxitude no que se contempla a mellora dos itinerarios peonís e ciclista, así como a creación de zonas de convivencia entre peóns e condutores e a renovación da capa de rodaxe neste treito. Por outro lado, o acordo recolle que será o Concello de Pontevedra o encargado de asumir os custos das expropiacións necesarias para executar a obra cuxo importe estímase nuns 19.800 euros.
Tamén resultou aprobada cos votos favorables dos deputados do PP e do BNG, a moción presentada polo grupo popular para solicitar ao Ministerio de Transportes o impulso da liña de alta velocidade entre Vigo, Porto e Lisboa. Neste sentido, o voceiro Jorge Cubela fixo fincapé reclamar ao Goberno central unha programación completa das actuacións, investimentos orzamentarios e un calendario para o desenvolvemento deste trazado, así como trasladarlle ao Goberno o potencial de uso e rendibilidade que tería esta liña, unha infraestrutura prioritaria e estratéxica. Ademais, demandan que, mentres non se complete a obra, o Goberno a mellora do tren Celta para que o traxecto entre Vigo e Porto sexa máis curto, unha hora como máximo, e confortable. O grupo provincial socialista votou en contra.
A sesión rematou co debate de dúas mocións presentadas polo grupo socialista, que foron rexeitadas. Unha para instar á Xunta a dar explicacións sobre a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro; e outra para instar á Xunta a manter o canon de Sogama. Nesta última, o voceiro Jorge Cubela explicou a postura negativo do grupo popular ao lembrar que este xoves a Xunta, “despois de escoitar aos alcaldes”, anunciou que asumirá o 60 % deste incremento.