As subvencións Ágora alcanzan ao 77% dos concellos e inxectan case 5,3 millóns de euros para recuperar espazo público na provincia en apenas dous anos

A Deputación aumentará en outros 550.000 euros o crédito da terceira convocatoria para financiar a totalidade dos 93 proxectos solicitantes    

15/02/2023

Uxío Benítez

“A recuperación do espazo público está na axenda política local da provincia”. Así o manifestou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos provincial, Uxío Benítez, ao  expoñer os datos das subvencións Ágora concedidas aos concellos para realizar actuacións de transformación urbana e gañar espazos para as persoas.

Segundo destacou, os números amosan unha tendencia moi clara dos gobernos locais, que están a apostar por planificar a recuperación do seu espazo público. Na terceira e última convocatoria, explicou, solicitáronse axudas para redactar 93 proxectos por parte de 37 concellos Ágora, unha cifra que esgota o orzamento de 900.000 dispoñible. Neste sentido, Benítez destacou que se ampliará a partida noutros 550.000 euros para atender todas as peticións.

“A convocatoria e o programa están a ser un éxito. A cifra de proxectos presentados foi un récord e impos suplementar o crédito para financiar todas as actuacións. Isto é síntoma de que Ágora conseguiu que recuperar o espazo público sexa máis fácil. Estamos a crear un efecto bola de neve e a converternos nun dos territorios nos que máis importancia se dá ao espazo público”, insistiu.

Como datos globais, Benítez explicou que grazas ás axudas Ágora nos últimos dous anos estanse a impulsar 207 actuacións en 47 concellos da provincia sumando todas as convocatorias. As subvencións, así, chegaron ao 77% dos concellos da provincia, unha cifra que sube ata o 80% ao ter en conta que hai que deixar de lado a Pontevedra e Vigo por ter máis de 50.000 habitantes e non ser potenciais beneficiarios.

En canto a investimento total, lembrou o nacionalista, na primeira convocatoria inxectáranse 2,35 millóns de euros, que impulsaran 38 actuacións (7 obras e 31 proxectos) en 38 concellos; na segunda convocatoria 1,96 millóns de euros destinados a 76 proxectos en 26 concellos; e outros 900.213 euros, aos que se sumarán os 550.000 euros extra. Xa se está a traballar, ademais, nunha futura nova edición das subvencións.

En canto ao tipo de proxectos subvencionados, Benítez resaltou que moitos concellos apostaron por proxectos de grandes actuacións (que recibían a contía máxima da subvención) e outros por actuacións máis modestas en pequenas prazas ou contornas rurais nas que se crearon espazos de convivencia, algo que demostra, segundo dixo, “que o modelo Ágora non é só de aplicación urbana”.

Subliñou que, en todos os casos, os proxectos solicitantes cumpren cos requerimentos de supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista  (sendas) todas teñen unha superficie mínima de 100 metros lineais e un largo mínimo de 2,5 metros.

Por comarcas, no Salnés financiáronse coas ‘Subvencións Ágora’ ata agora 27 proxectos de seis concellos (Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía, Meaño, Meis e O Grove), no Morrazo 18 proxectos de cinco concellos (Bueu, Moaña, Marín, Cangas e Vilaboa), na área de Vigo 30 proxectos de cinco concellos (Soutomaior, Redondela Mos, Porriño e Pazos), na comarca de Caldas 14 proxectos de seis concellos (Portas, Catoira, Moraña, Caldas, Valga e Pontecesures), no Val Miñor 16 proxectos en catro concellos (Baiona, Nigrán, Gondomar, Oia), no Baixo Miño 43 proxectos –o maior número da provincia- en cinco concellos (Rosal, Tui, A Guarda, Tomiño e Salceda), na comarca de Pontevedra 14 proxectos en tres concellos (Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo Cotobade), no Deza Tabeirós 13 proxectos en cinco concellos (Silleda, Vila de Cruces, A Estrada e Lalín e Agolada, que se adheriron nos últimos meses), e no Condado Paradanta 31 proxectos en oito concellos (Ponteareas, Arbo, Mondariz Balneario, Mondariz, Salvaterra, Cañiza, Covelo e As Neves).

 “Nós estamos a axudar a impulsar o modelo e os proxectos, a axudar tecnicamente na súa concepción e tamén a financiar, xa que moitos reciben outras axudas da Deputación, non só de Ágora, senón tamén a través do Plan Concellos, ReaCPON e outros. Tamén damos asesoramento para acceder a outras liñas de financiamento europeo e de onde se poidan sumar máis cartos”, subliñou o deputado.

Así, mesmo, e  lembrando que o obxectivo de Ágora foi dende o inicio crear un “movemento” arredor da recuperación do espazo público para convertelo en elemento central na axenda dos concellos, destacou que tamén se puxeron a disposición ferramentas formativas (Facultade Ágora), de asesoramento, ou divulgativas (#FotoÁgora), entre outras.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.