O pleno da Deputación aproba por unanimidade a prórroga do Plan Concellos 2023 e proxectos nos concellos de Lalín, Marín, Vilaboa, Ponteareas e Pontevedra

A sesión ordinaria de novembro serviu para aprobar por unanimidade os proxectos reformulados do PON2030 en Vilaboa, Lalín e Ponteareas e dous proxectos de mobilidade peonil en estradas provinciais de Marín e Pontevedra

29/11/2024

Pleno da Corporación do 29 de novembro

O pleno da Deputación de Pontevedra, na sesión correspondente ao mes de novembro, deu luz verde a novos investimentos municipalistas coa votación favorable da prórroga da anualidade do 2023 do Plan Concellos, así como aos proxectos reformulados do PON2030 para os concellos de Vilaboa, Lalín e Ponteareas e aos proxectos de mobilidade peonil na estrada provincial EP-1203 entre O Campo e Pardavila, en Marín, e na EP-0002 entre O Marco, Tomeza e Figueirido en Pontevedra. Así mesmo, a sesión serviu para aprobar dúas mocións presentadas polo grupo popular para solicitar ao Goberno central a transferencia urxente de fondos para construír 967 vivendas públicas na provincia e para conxelar as tarifas da AP-9 desde o 1 de xaneiro de 2025 coa aprobación de bonificacións universais. Outro asunto da orde do día aprobado neste pleno foi a addenda ao convenio de encomenda de xestión da Deputación ao Consello Superior de Investigacións Científicas para realizar intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra.

O punto principal da sesión, aprobado por unanimidade, foi a prórroga da anualidade 2023 do Plan Concellos 2022-2023. Deste xeito, o prazo de execución dos investimentos pasa do 31 de decembro de 2024 ao 30 de setembro de 2025 e o de xustificación do 31 de marzo de 2025 ao 31 de outubro de 2025. Ademais, prorrógase o prazo para solicitar subvencións por cambios de finalidade ou reinvestimento de baixas ata o 31 de maio de 2025. Na data actual, hai 119 investimentos pendentes de xustificar dun total de 281 e están en trámite diversas actuacións relativas a cambios en función de intereses dos concellos que imposibilitaban dar cumprimento aos prazos establecidos nas bases do Plan Concellos 2022-2023.

Tamén se aprobaron por unanimidade os proxectos reformulados do PON2030 dos concellos de Vilaboa, Lalín e Ponteareas. Trátase da construción do edificio polivalente de Carragoso en Lalín, da mobilidade amable e recuperación de espazos públicos da avenida da Constitución e da contorna dos xardíns da Xiralda en Ponteareas e da rehabilitación de edificio para centro social e de maiores en Vilaboa. Trátanse de proxectos que teñen aumentado e modificado o seu orzamento e polo tanto incrementa e modifícase o importe da achega municipal que implica a sinatura de cadansúa addenda para modificar as cláusulas de financiamento.

Ademais aprobáronse tamén por unanimidade os proxectos de mobilidade peonil na EP-1203 entre O Campo e Pardavila, en Marín, e na EP-0002 entre O Marco, Tomeza e Figueirido en Pontevedra. No caso da primeira, onde se investirán 1,2 millóns de euros, prevese mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para os peóns mediante a construción dun itinerario peonil en toda a lonxitude da estrada provincial EP-1203, así como pavimentar a estrada, implantar zonas de convivencia e mellorar o sistema de drenaxe de augas pluviais e abastecemento. No caso da segunda, onde se investirán máis de 1,7 millóns de euros, levaranse a cabo traballos de mellora peonil en 2,5 quilómetros da estrada, onde se construirá unha senda peonil, pavimentará a estrada, implantaranse zonas de convivencia e mellorarase o sistema de drenaxe de augas pluviais.

Outro asunto de relevancia no pleno ordinario de novembro foi a addenda ao convenio de encomenda de xestión da Deputación ao CSIC para realizar intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia.  Neste eido aprobouse por unanimidade a prórroga ata o 30 de xuño de 2025 do acordo co CSIC para realizar actividades de carácter material e técnico necesarias para o exercicio da competencia de difusión, protección e fomento do valor cultural dos bens de patrimonio cultural da provincia.

Tamén se aprobou, coa abstención do PSOE, a corrección de oficio do erro de feito detectado na base sexta do Plan Provincia Comunitaria.

No apartado de mocións, o grupo popular presentou unha proposta para reclamar ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a transferencia urxente de fondos para construír 967 vivendas públicas no provincia ou para que asuma directamente a súa construción e outra para solicitar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a conxelación de tarifas da AP-9 desde o 1 de xaneiro de 2025 coa aprobación de bonificacións universais. Ambas mocións foron aprobadas grazas aos votos favorables dos deputados do PP e do BNG.  Ademais foi aprobada por unanimidade a moción do grupo provincial socialista para o apoio firme contra a violencia de xénero.

Por outra banda, foi rexeitada, coa abstención do BNG, a moción do grupo socialista para esixir á Deputación que reclame á Xunta de Galicia incrementar o reforzo dos equipos de dependencia do Servizo de Axuda no Fogar. E tamén foi rexeitada a moción do grupo nacionalista relativa á reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.

videos