A Deputación aproba o convenio co Concello de Pontevedra para mellorar a mobilidade peonil na estrada EP-0002 O Marco-Tomeza-Figueirido

A actuación, cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros, supón a construción dunha senda peonil e estará financiada na súa totalidade pola institución provincial

11/12/2023

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para mellorar a mobilidade na EP-0002 entre O Marco-Tomeza-Figueirido. A obra ten un orzamento de 1,72 millóns de euros, dos que o 80 % (1.38 millóns) corresponde á Deputación e o 20 % restante (345.000 euros) ao Concello, encargado tamén de achegar os case 20.000 euros necesarios para as expropiacións. Malia iso, como explicou o presidente provincial, Luis López, na conferencia de prensa deste luns, “o Concello solicitou unha subvención para cubrir a súa achega o que supón que é a Deputación quen financia o 100 % da obra, os máis de 1,7 millóns de euros”.

A obra, que se desenvolverá no tramo inicial de 2,5 quilómetros e transcorre por un treito do Camiño de Santiago, contempla a pavimentación da estrada, a construción dunha senda peonil de formigón coloreado de 2,5 metros de ancho mínimo na marxe dereita da estrada e a implantación de zonas de convivencia onde non sexa posible acadar ese ancho. Ademais, mellorarase o sistema de drenaxe de augas pluviais e, no caso de que sexa necesario, reporanse os servizos afectados pola execución da obra.