Luis López destaca o investimento conxunto de 1,2 millóns entre a Deputación e o Concello de Marín para a mellora da seguridade viaria na EP-1203 entre O Campo e Pardavila

O presidente provincial asina, xunto coa alcaldesa e deputada provincial María Ramallo, o convenio para a construción dunha senda peonil dun quilómetro de lonxitude

09/09/2024

Firma do convenio entre a alcaldesa de Marín e o presidente da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Marín e deputada provincial, María Ramallo, un convenio de colaboración entre as dúas institucións para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-1203 entre as localidades de O Campo e Pardavila. Unha actuación valorada en 1,2 millóns de euros, dos que o organismo provincial achega o 70 %, uns 832.000 euros, mentres que o Concello asume o 30 % restante (356.000 €), así como os custos das expropiacións necesarias para facer realidade a obra.

O motivo desta intervención é mellorar as condicións de seguridade viaria da estrada ao mesmo tempo que se favorece a mobilidade peonil entre estas dúas localidades. A intervención consistirá na construción dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho ao longo do máis dun quilómetro de percorrido que separan estas dúas poboacións. Así mesmo, os traballos servirán para mellorar a pavimentación da estrada, crear zonas de convivencia entre peóns e vehículos, mellorar os sistemas de drenaxe da vía e repoñer os servizo afectados polas obras.

Firma do convenio entre a alcaldesa de Marín e o presidente da Deputación no pazo provincial

Coa creación deste itinerario peonil, froito da colaboración entre a Deputación e o Concello, resólvese un problema de seguridade viaria que afectaba á veciñanza destes dous lugares, posto que a estrada carecía de beirarrúas e as beiravías existentes eran de escasa entidade e facían que o tránsito peonil fora pouco seguro.

Despois de asinar o convenio, o presidente Luis López destacou a importancia da cooperación cos concellos para seguir mellorando os servizos locais. Do mesmo, xeito destacou o compromiso da Deputación para seguir investindo na rede viaria provincial para facela máis segura para peóns e condutores, así como para mantela nun estado óptimo de conservación.