A Deputación pon en marcha no Museo de Pontevedra visitas guiadas gratuítas á exposición sobre a Sociedad Coral Polifónica

Arrancan este xoves e sábado e desenvolveranse ata o peche da exposición o próximo 20 de abril, sempre con reserva previa

01/04/2025

Exposición sobre a Sociedad Coral Polifónica

O Museo de Pontevedra organiza desde esta semana visitas guiadas á exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’. Serán visitas gratuítas de aproximadamente 60 minutos de duración, a cargo do equipo de Educación do Museo. É necesaria reserva previa, que se pode facer a través da web do Museo.

As visitas terán lugar nas seguintes datas e horarios: xoves 3 e 10 de abril, ás 18 h; sábados 5, 12 e 19 de abril, ás 18 h;  Xoves Santo e Venres Santo, 17 e 18 de abril, ás 12 h. Cada luns ábrese na web do Museo o formulario para reservar praza nas visitas da propia semana. As reservas para as visitas guiadas dos xoves atenderanse ata o mesmo día ás 14 h, as dos sábados ata o venres ás 14 h e as do Xoves Santo e Venres Santo ata o mércores 16 ás 14 h.

A exposición permite aos visitantes facer un percorrido polo século de historia que atesoura a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, nacida en 1925 co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura galega. A mostra inclúe numerosos impresos, manuscritos, fotografías e obras de arte que falan da importancia desta iniciativa e da relevancia cultural das persoas que a puxeron en marcha e lle deron continuidade.

A exposición está organizada en catro partes. As tres primeiras mostran, nun percorrido cronolóxico, as diferentes etapas da coral, arrancando con fotografías e documentos previos á constitución formal da sociedade ata o tempo presente, con imaxes de actuacións e retratos das persoas que a dirixiron ao longo do tempo. Tamén se inclúen programas de man, recortes de prensa e outras publicacións relacionadas coa actividade da Polifónica, e partituras manuscritas de obras compostas ou arranxadas por membros da coral. Outras vitrinas mostran as diferentes gravacións realizadas, desde os primeiros discos da década de 1920.

Laxeiro é o autor dos retratos expostos de tres figuras clave no nacemento da agrupación: Antón Losada Diéguez, Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle. Estes dous últimos foron, respectivamente, o seu primeiro e o seu segundo director. Tamén está presente cun autorretrato outra figura destacada deses primeiros anos: Alfonso Daniel Rodíguez Castelao, que deseñou o logotipo da sociedade e a presidiu entre 1929 e 1932.

Precisamente Castelao é o autor da escenografía que cobra unha vital importancia na cuarta sala da mostra. Nela exhíbense reproducións en gran formato de cinco dos dez panos de escena que Castelao realizou para a Sociedad Polifónica entre 1926 e 1934: Pórtico románico, Rosetón oxival, Interior de igrexa, Arco da vella e Capela oxival. Polas súas grandes dimensións, que chegan nalgúns casos aos 10 metros de longo e máis de 5 de alto, non é posible expoñer os orixinais, polo que se fixeron reproducións ao maior tamaño posible.

As escenografías que deseñou Castelao para a Polifónica están entre os seus traballos artísticos menos coñecidos, polo que esta exposición permite ao gran público coñecelos mellor xusto cando se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento e se lle dedica o Ano Castelao. Ademais das grandes reproducións, tamén se inclúen fotografías doutros panos desaparecidos ou en mal estado de conservación e un vídeo no que Ángeles Tilve, Carlos Valle e o pintor Rafael Úbeda explican interesantes detalle do proceso de concepción, creación, aparición pública e restauración dos panos.

Ligazóns de interese