A Deputación organiza en Semana Santa obradoiros de colaxe no Museo de Pontevedra sobre os panos que Castelao fixo para a Sociedade Coral Polifónica

Este mércores ábrese a inscrición aos talleres, que se celebrarán o martes 15 para nenas e nenos de 6 a 9 anos e o mércores 16 para nenas e nenos de 9 a 12 anos

07/04/2025

Obradoiros no museo

A Deputación organiza nos días non lectivos da Semana Santa obradoiros de colaxe no Museo de Pontevedra sobre os panos que Castelao fixo para a Sociedade Coral Polifónica e cuxas réplicas se exhiben no museo por mor do centenario da agrupación. Será o martes 15 de abril de 11 a 13 h, para nenas e nenos de 6 a 9 anos; e o mércores 16, no mesmo horario, para nenas e nenos de 9 a 12 anos. A inscrición ábrese este mércores 9 de abril ás 10 h a través da web do Museo.

O obradoiro consiste en interpretar mediante a técnica do colaxe dous dos panos que Castelao pintou para a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. É unha actividade na que se poñerá en práctica a capacidade de síntese das nenas e nenos, que farán bosquexos a lapis e con papel de calco e cartolinas de cores elaborarán unha composición.

A actividade empregará como modelos o pano de boca de San David, no que ademais da imaxe do logotipo da Polifónica aparece unha trama de flores, e o pano coa escena dunha romaría que elaborou Germans Salvador en 1986 a partir dun bosquexo de Castelao.

A exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’ exhíbese no Museo de Pontevedra ata o domingo 20 de febreiro. Permite aos visitantes facer un percorrido polo século de historia desta entidade, fundada por Antón Losada Diéguez, Antonio Iglesias Vilarelle e Castelao, entre outros, co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura galega.

A mostra inclúe numerosos impresos, manuscritos, fotografías e obras de arte que falan da importancia desta iniciativa e da relevancia cultural das persoas que a puxeron en marcha e lle deron continuidade. Tamén se exhiben reproducións en gran formato de cinco dos dez panos de escena que Castelao realizou para a Sociedade Coral Polifónica entre 1926 e 1934: Pórtico románico, Rosetón oxival, Interior de igrexa, Arco da vella e Capela oxival. Polas súas grandes dimensións, que chegan nalgúns casos aos 10 metros de longo e máis de 5 de alto, non é posible expoñer os orixinais, polo que se fixeron reproducións ao maior tamaño posible