A Deputación inaugura no Museo de Pontevedra a exposición que percorre cen anos de historia da Sociedad Coral Polifónica

O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, inaugurou a mostra, que se pode visitar ata o 20 de abril e inclúe reproducións en gran formato das escenografías deseñadas por Castelao

14/03/2025

Exposición cen anos de historia da Sociedad Coral Polifónica

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou esta tarde a exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, cen anos de música coral en Galicia’, que estará aberta no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o 20 de abril. Fíxoo acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, e do comisario da mostra e presidente da Polifónica, Xosé Carlos Valle Pérez.

A inauguración contou cunha pequena actuación da coral, que interpretou tres temas do seu repertorio. Neste eido, Rafa Domínguez remarcou “a boa saúde” da que goza a Sociedad Coral Polifónica no seu centenario, cun nutrido número de integrantes e remarcou o feito de celebrar esta efeméride “aquí, no Museo, que tan estreitos vínculos tivo e segue a ter coa entidade”. Neste eido puxo en relación o feito “de que coincidan neste 2025 a celebración do centenario da Coral co Ano Castelao, xa que non podemos esquecer que o intelectual foi un dos seus presidentes, un dos seus integrantes e para a Sociedad elaborou uns panos cuxas réplicas forman parte da mostra que acolle o Museo de Pontevedra”.

A apertura da  exposición permitiu aos visitantes facer un percorrido polo século de historia que atesoura esta agrupación nacida en 1925 co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura galega. A mostra inclúe numerosos impresos, manuscritos, fotografías e obras de arte que falan da importancia desta iniciativa e da relevancia cultural das persoas que a puxeron en marcha e lle deron continuidade.

A exposición está organizada en catro partes. As tres primeiras mostran, nun percorrido cronolóxico, as diferentes etapas da coral, arrancando con fotografías e documentos previos á constitución formal da sociedade ata o tempo presente, con imaxes de actuacións e retratos das persoas que a dirixiron ao longo do tempo.

Tamén se inclúen programas de man, recortes de prensa e outras publicacións relacionadas coa actividade da Polifónica, e partituras manuscritas de obras compostas ou arranxadas por membros da coral, como as de “Si vas a San Benitiño”, de Antonio Blanco Porto, “Canto d’Ourense” de Obdulia Prieto ou “Keltia”, de Antonio Iglesias Vilarelle. Outras vitrinas mostran as diferentes gravacións realizadas, desde os primeiros discos da década de 1920.

Laxeiro é o autor dos retratos ao carbón expostos de tres figuras clave no nacemento da agrupación: Antón Losada Diéguez, Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle. Estes dous últimos foron, respectivamente, o seu primeiro e o seu segundo director. Tamén está presente cun autorretrato outra figura destacada deses primeiros anos: Alfonso Daniel Rodíguez Castelao, que deseñou o logotipo da sociedade e a presidiu entre 1929 e 1932.

Precisamente Castelao é o autor da escenografía que cobra unha vital importancia na cuarta sala da mostra. Nela exhíbense reproducións en gran formato de cinco dos dez panos de escena que Castelao realizou para a Sociedad Polifónica entre 1926 e 1934: Pórtico románico, Rosetón oxival, Interior de igrexa, Arco da vella e Capela oxival. Polas súas grandes dimensións, que chegan nalgúns casos aos 10 metros de longo e máis de 5 de alto, non é posible expoñer os orixinais, polo que se fixeron reproducións ao maior tamaño posible.

As escenografías que deseñou Castelao para a Polifónica están entre os seus traballos artísticos menos coñecidos, polo que esta exposición permite ao gran público coñecelos mellor xusto cando se conmemora, tal e como recordou Domínguez, o 75 aniversario do seu pasamento e se lle dedica o Ano Castelao. Ademais das grandes reproducións, tamén se inclúen fotografías doutros panos desaparecidos ou en mal estado de conservación e un vídeo no que Ángeles Tilve, Carlos Valle e o pintor Rafael Úbeda explican interesantes detalle do proceso de concepción, creación, aparición pública e restauración dos panos.

Galerias de imagenes