O Museo de Pontevedra revisa o legado de José María de Labra, un artista que abriu camiños novos na abstracción xeométrica

O venres 11 de abril o Museo organiza un seminario que abordará as diferentes dimensións dun pioneiro da abstracción en Galicia, no centenario do seu nacemento

05/04/2025

O Museo de Pontevedra organiza o vindeiro venres 11 de abril, entre as 16:30 e as 20:00 horas no Edificio Castelao, o seminario 'Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural. José María de Labra (1925-1994)'. José Manuel García Iglesias, María Isabel García García, Daniel de Labra, José de la Mano e Iñaki Martínez Antelo achegaranse ás diferentes dimensións dun artista clave na arte galega e española da segunda metade do século pasado, que abriu camiños na abstracción xeométrica que ningún artista galego percorrera antes. O acceso é libre, aínda que as persoas que queiran un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.

A xornada conmemora o centenario do nacemento de José María de Labra, artista de carácter interdisciplinar e polifacético cuxa obra conseguiu fusionar e integrar pintura, escultura e deseño. De Labra destacou axiña como un magnífico debuxante. Ao longo da súa traxectoria plástica soubo renovarse e evolucionar desde unha tendencia de liña poscubista cara á abstracción xeométrica e o construtivismo, sen deixar nunca de lado a que foi a súa primeira vocación: a arquitectura. Actualmente, está considerado como un dos renovadores da arte abstracta e xeométrica, autor dunha obra que influíu en xeracións posteriores de artistas.

José Manuel García Iglesias, catedrático de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela abordará o seu encontro persoal con este artista en Palma de Mallorca, que tivo o seu froito no libro De Labra publicado en 1994. Para a realización daquel traballo, De Labra facilitoulle, entre outro material, unha selección de obras que consideraba moi representativas da súa evolución artística, e mesmo sería o artista, xa nunha última fase da execución de libro, quen lles daría forma dentro do propio libro.

Isabel García García, profesora de Historia da arte da Universidade Complutense de Madrid analizará o traballo de José María de Labra dentro do longo camiño que percorreu a arte abstracta tras a guerra. Neste percorrido, constituíu un fito fundamental a exposición individual no Ateneo de Madrid en 1955. A partir de entón, as súas composicións profundarían nun novo concepto: a obra de arte total.

Daniel de Labra, pintor e deseñador gráfico editorial e fillo do artista, intervirá xunto a José de la Mano, cuxa galería de arte ocupa un lugar destacado na recuperación do legado de Labra. Ambos convidarannos a unha reflexión sobre o alcance da súa obra e a necesidade dunha tarefa de recuperación que permita a revalorización do seu legado.

Por último, Iñaki Martínez Antelo, historiador da arte, comisario e xestor cultural, abrirá unha ponte de diálogo coa exposición recentemente inaugurada "Correspondencias: José María de Labra" na Obra Social de Abanca en Santiago de Compostela. Na exposición móstranse obras de Labra da colección Abanca e doutras coleccións públicas e privadas, ademais de debuxos e maquetas de celosías propiedade da familia, en diálogo con obras de once artistas que participan no proxecto.

Esta é a segunda edición do seminario 'Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural', unha iniciativa do Museo de Pontevedra que se iniciou no ano 2023. A súa primeira edición dedicouse á memoria da profesora Ana Goy Diz, a primeira catedrática de Historia da Arte que tivo a Universidade de Santiago de Compostela no seu campus de Lugo. Trátase dun proxecto que nace co propósito de abordar a obra de artistas, creadoras e creadores e profesionais vinculados ao ámbito do patrimonio cultural, para analizar diferentes aspectos relacionados co legado desas persoas á memoria colectiva e a identidade dunha comunidade.

Ligazóns de interese