“Aquí faltan páxinas” arranca este martes en Cangas co primeiro podcast e unha charla sobre María Soliña

O faladoiro sobre María, a quen chamaban “bruxa” e que foi símbolo dos abusos contra as mulleres, estará conducido por Guillermina Domínguez no salón de plenos do Concello

22/01/2023

Aquí faltan páxinas

María Soliña, acusada de bruxería no século XVII pola Inquisición e que non sobreviviu ao seu martirio, é neste mes de xaneiro a primeira protagonista da colección de podcast Aquí faltan páxinas, o proxecto desenvolvido pola Deputación e O Cable Inglés para rescatar a parte silenciada da historia de doce mulleres galegas extraordinarias. Este vindeiro martes publicarase na web provincial o primeiro dos relatos sonoros do proxecto dedicado a María e pola tarde ás 19 horas no salón de plenos do Concello de Cangas,  a experta Guillermina Domínguez conducirá un faladoiro sobre a súa historia. Para asistir é necesario inscribirse no enderezo procotolo@depo.es.

A citada colección de relatos sonoros dará a coñecer mes a mes ao longo de todo o 2023 os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa, coas historias narradas por Marián Fernández e que se colgarán no propio site “Aquí faltan páxinas” da web da Deputación e con ligazón a Spotify. Estes podcast compleméntanse, amais de cos faladoiros en nove concellos que tiveron relación coas protagonistas, e cunha ruta virtual tamén na web provincial que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista de cada mes. 

Neste primeiro podcast cóntase a historia de María Soliña, vítima en Cangas da cruel tortura da Inquisición, como miles de mulleres en Europa que foron obxectivo da caza de bruxas que a Igrexa e as oligarquías emprenderon para controlar ás mulleres con poder. No momento da súa acusación, tiña 70 anos e non sobreviviu ao martirio e os nobres que a denunciaron repartíronse as súas posesións co Santo Oficio en pleno declive económico da vila tralo ataque dos corsarios turcos. A encargada do faladoiro sobre a súa figura, Guillermina Domínguez, é licenciada en Filosofía e Letras na especialidade de Historia e, dentro desta, na etapa medieval. Exerceu como profesora durante 45 anos e entre as súas publicacións e traballos figura “Tres mulleres de armas tomar” coa historia de María Balteira, María Castaña e María Soliña.

Programación

Despois de María Soliña, no mes de febreiro a protagonista de “Aquí faltan páxinas” será a pioneira da aviación española, a “muller paxaro” Elisa Patiño, (1890-1919), da que falará  Milagros Bará en Sanxenxo. Marzo rescatará a historia da primeira galega en licenciarse en medicina, Olimpia Valencia (1898-1987), coa conversa de Ana Fuentes na sede da Deputación de Vigo e abril será a quenda da artista Maruja Mallo (1902-1995), coa intervención de Loli Docampo en Bueu. En maio falarase da humanista e activista Concepción Arenal (1820-1893), de quen falará Anna Caballé na cárcere da Lama; mentres que en xuño o podcast estará dedicado a Antonina Sanjurjo, xogadora de hockey (1910-1939), coa charla protagonizada por Cristina López Villar na sede da Deputación en Vigo. Por outra banda, en xullo rescatarase a figura da escritora e feminista María Vinyals  (1875-década 40), de quen versará o faladoiro de Isabel Blanco no Castelo de Soutomaior.

A comprometida mestra Ernestina Otero (1890-1956) será protagonista en agosto e dela falará Manuel Puga en Redondela mentres que en setembro tocaralle á oceanógrafa e pioneira da investigación mariña Ángeles Alvariño (1916-2005), cuxa traxectoria enxalzará Ángeles Leira na sede de Vigo. Na recta final do ano, a primeira muller almirante, Isabel Barreto, (1567-1612) protagonizará o podcast de outubro e dela versará o faladoiro de Eloísa Gómez no Pazo Provincial en Pontevedra; mentres que novembro estará dedicado a Carolina Otero (1868-1965), a icona da Belle Époque, coa intervención de Carmen Posadas en Valga. Por último, o programa pecharase en decembro coa compositora e música Sofía Novoa  (1902-1987) e a charla de Carmen Losada na sede de Vigo.

Ligazóns de interese