A Deputación ofrece no Museo de Pontevedra un obradoiro gratuíto de fabricación de xoguetes
A actividade para todos os públicos, enmarcada na exposición “É tempo de xogar”, permanecerá aberta ata o próximo martes 7 de xaneiro durante todo o horario de apertura do Museo
03/01/2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo martes 7 de xaneiro no Museo de Pontevedra o obradoiro “Fabrica o teu xoguete”, enmarcado na exposición temporal “É tempo de xogar”. A través desta actividade, calquera persoa que se achegue á mostra poderá fabricar o seu propio xoguete para levar á casa. Trátase dunha actividade de acceso libre e dispoñible durante todo o horario de apertura do Museo. Está xestionada polo departamento de Educación do Museo e non require inscrición previa.
“É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo” é unha escolma de 170 pezas das máis de 700 que reuniu nos últimos anos o coleccionista redondelán, un interesante conxunto de máis de 700 xoguetes antigos de fabricación española e internacional, e estará aberta ata o 9 de febreiro no claustro do Edificio Sarmiento. O propio coleccionista realiza conduce todos os mércores e venres ás 18:00 h visitas guiadas á exposición, para as que non é precisa reserva previa, salvo que se queira concertar unha visita para grupo noutro horario.
Os xoguetes que forman esta exposición foron creados entre as décadas de 1890 e 1960 e entre eles atópanse principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais como chumbo, cartón, madeira ou plástico. Destacan os autómatas, moitos deles centenarios, que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos. Tamén os teatros, de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal.
Esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas a unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores. As e os cativos sorprenderanse coas cores, os materiais e o enxeño destes trebellos, e as persoas maiores recoñecerán xoguetes da súa infancia cos que quizais non puideron xogar no seu día.