A Deputación oferta esta semana dúas novas accións formativas dentro do programa “SmartPeme”

Os obradoiros que promove a institución provincial terán lugar o luns e o mércores e centraranse na ciberseguridade e na reciclaxe de residuos plásticos

25/03/2024

A Deputación de Pontevedra, a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que terán lugar este luns e mércores, abordarán cuestións relacionadas coa ciberseguridade e a reciclaxe do plástico.

As accións formativas inícianse este luns, 25 de marzo, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, Dispositivos Móbiles. O obxectivo deste obradoiro é analizar a importancia de protexer os dispositivos móbiles, dada a súa relevancia actual ao desprazar os ordenadores na xestión cotiá dos negocios. Impartirase de xeito telemático polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

Pola súa banda, o mércores 27 de marzo, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar Reciclando Plástico con Aventura Plástica, un obradoiro divulgativo co obxectivo de concienciar sobre a problemática do plástico. Esta acción terá lugar no local de Aventura Plástica en Gondomar e nel Fabián Freiría e Alba Villanueva concienciarán sobre o problema global do plástico e abordarán a práctica de reducir e transformar os residuos plásticos no medio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.