A Deputación oferta esta semana tres novas accións formativas dentro do programa “SmartPeme”
Os obradoiros, que se desenvolverán de xeito telemático, centraranse en ciberseguridade, no emprego de Google para a promoción de empresas e no metaverso
07/04/2024
A Deputación de Pontevedra, a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se realizarán de xeito telemático, abordarán cuestións relacionadas coa ciberseguridade, o emprego de Google para a promoción de empresas e o metaverso.
As accións formativas comezarán este luns 8 de abril, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, Fallos de Seguridade nos Modelos de IA Xenerativa. A través deste obradoiro, impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, preténdese dar a coñecer as precaucións que se deben tomar á hora de empregar ferramentas de intelixencia artificial xenerativa coma ChatGPT ou Copilot.
O mércores 10, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar Promociona o Teu Negocio co Perfil de Empresa de Google, a cargo de Adrián Fernández, asesor de empresas no ámbito da comunicación dixital e o márketing en liña. Este obradoiro está destinado a aqueles pequenos negocios que buscan obter unha maior visibilidade grazas aos datos obtidos pola xeolocalización ou polas procuras da súa potencial clientela.
Finalmente, o xoves 11, a partir das 11:00 h, Manuel Freire impartirá o obradoiro Horizon Workrooms-Obradoiro desde o Metaverso, na plataforma Horizon Workrooms, coa que se pode asistir a reunións a través dun avatar ou de xeito telemático mediante a pantalla do dispositivo. No obradoiro explicaranse as principais características desta ferramenta e as persoas asistentes introduciranse nas intelixencias artificiais xeradoras de textos e imaxes.