A Deputación continúa cos obradoiros formativos do programa “SmartPeme”, con tres novas accións esta semana
Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, centraranse en ciberseguridade, programación con Arduino e manexo de Instagram
21/04/2024
A Deputación de Pontevedra, a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se desenvolverán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, coa programación con Arduino e co manexo de Instagram.
As accións formativas iniciaranse o luns, 22 de abril, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, Que É o Malware. Trátase dun obradoiro para darlles a coñecer ás persoas asistentes os diferentes tipos de malware e como detectar se un dispositivo está infectado. Impartirao o experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.
O xoves 25, de 10:30 a 13:30 horas, terá lugar o obradoiro Programación con Arduino Módulo I - Parte II, onde Manuel Freire seguirá afondando neste sistema de programación. E, finalmente, o venres 26 de abril, entre as 12:00 e as 13:00 horas, terá lugar o obradoiro Instagram para Principiantes I, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.