A Deputación continúa este xoves en Tui coas rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra

A primeira das rutas tivo lugar esta mañá entre Nigrán e Baiona. Tralo percorrido por Tui, o programa continuará a próxima semana na illa da Toxa e Mondariz-Balneario e pecharase o 30 de xullo en Vigo

16/07/2024

A Deputación de Pontevedra continúa este xoves en Tui coas rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra (AUPO) e que acaban de comezar esta mañá cun percorrido polo complexo intermareal da Ramallosa, entre Nigrán e Baiona. Estas dúas rutas súmanse a outras tres que ten programado a institución provincial para os días 23, 25 e 30 de xullo pola illa da Toxa, Mondariz-Balneario e Vigo.

O percorrido por Tui, con todas as prazas esgotadas, permitirá descubrir os arrabaldes da cidade medieval e o barrio da Oliveira, onde se situaban a fortaleza episcopal e a igrexa de Santa María da Oliveira e que conta con exemplos da arquitectura civil da época medieval, coma casas-torre, casas ornamentadas ou tamén casas de taboado, así como a praza da propia catedral, na que destaca súa portada gótica, a primeira na península ibérica. O percorrido rematará na Porta da Pía, resto da fortificación construída en tempos de Fernando II de León e Galicia, coa análise da pía ou baño ritual xudeu e da sinagoga.

A vindeira semana terán lugar outras dúas rutas enmarcadas nas accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra, os días 23 de xullo pola Illa da Toxa e o xoves 25 por Mondariz-Balneario. E, finalmente, os itinerarios pecharanse o 30 de xullo cun percorrido pola cidade de Vigo. Todas as rutas darán comezo ás 10:30 horas, terán unha duración aproximada dunha hora e media e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de arranque establecido polos seus propios medios.