A Deputación dá inicio este martes en Baiona á primeira das rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra

Trátanse de cinco rutas para coñecer e divulgar os recursos culturais, naturais e patrimoniais da provincia e que permitirá descubrir lugares de Nigrán, Tui, A Toxa, Mondariz e Vigo

14/07/2024

A Deputación de Pontevedra dá inicio este martes en Baiona á primeira das rutas gratuítas organizadas dentro das accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra (AUPO2030). Trátanse de cinco rutas para coñecer e divulgar os recursos culturais, naturais e patrimoniais da provincia para descubrir lugares de Nigrán, Tui, A Toxa, Mondariz e Vigo.

O arranque do programa terá lugar este martes, 16 de xullo, na Foz do Miñor, un complexo intermareal situado na Ramallosa (entre Nigrán e Baiona) no que verten as súas augas tres cursos fluviais. Trátase dun ecosistema de grande importancia no mantemento dos hábitats de litoral e na mitigación dos efectos do cambio climático, xunto co complexo dunar da praia da Ladeira, que forma parte da Rede Natura 2000 e é un espazo apropiado para as actividades de observación de avifauna.

Nesta mesma semana, o xoves 18 de xullo,  terá lugar o segundo dos itinerarios propostos, neste caso pola cidade de Tui. Esta ruta permitirá descubrir os arrabaldes da cidade medieval e o barrio da Oliveira, onde se situaban a fortaleza episcopal e a igrexa de Santa María e que conta con exemplos da arquitectura civil da época medieval, así como a praza da propia catedral, na que destaca súa portada gótica, a primeira na península ibérica. O percorrido rematará na Porta da Pía, resto da fortificación construída en tempos de Fernando II de León e Galicia, coa análise da pía ou baño ritual xudeu e da sinagoga.

A vindeira semana terán lugar outras dúas rutas enmarcadas nas accións da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra, os días 23 de xullo pola Illa da Toxa e o xoves 25 por Mondariz-Balneario. E, finalmente, os itinerarios pecharanse o 30 de xullo cun percorrido pola cidade de Vigo. Todas as rutas darán comezo ás 10:30 horas, terán unha duración aproximada dunha hora e media e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de arranque establecido polos seus propios medios.