AUPO2030

Rutas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha distintas rutas gratuítas para a poboación da provincia co obxectivo de coñecer e valorizar os nosos recursos culturais, naturais e patrimoniais.


A paisaxe e a natureza constitúen un recurso turístico de primeiro nivel no destino de Pontevedra, así como os principais enclaves de patrimonio, cultura e historia da provincia. Por iso, a Deputación de Pontevedra, dentro das distintas accións que desenvolve no marco da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra (AUPO2030), leva a cabo distintas rutas, conformadas por cinco itinerarios, para observar e descubrir diferentes localizacións da provincia, o seu patrimonio e natureza, así como os aspectos menos coñecidos da nosa historia.

RUTAS

Nigrán: a Foz do Miñor, espazo natural único

Día da actividade: 16/07/2024 - Prazas esgotadas
Punto de encontro: capela de San Campio - Mapa

A Foz do Miñor é un esteiro da Ramallosa, un complexo intermareal no que verten as súas augas tres cursos fluviais. Este ecosistema, de grande importancia no mantemento dos hábitats de litoral e na mitigación dos efectos do cambio climático, xunto co complexo dunar da praia da Ladeira, forma parte da Rede Natura 2000 e é un espazo moi apropiado para as actividades de observación de avifauna.

Tui, cidade de fronteira

Día da actividade: 18/07/2024 - Prazas esgotadas
Punto de encontro: Oficina de Turismo de Tui - Mapa

A cidade de Tui conta cunha longa historia pero é a súa etapa medieval a que destaca por conservar un patrimonio singular.

Analizaremos os arrabaldes extra muros da cidade medieval e coñeceremos en profundidade o barrio da Oliveira, onde se situaban a fortaleza episcopal e a igrexa de Santa María da Oliveira e que conta con exemplos da arquitectura civil da época, coma casas-torre, casas ornamentadas ou tamén casas de taboado ―a única conservada na cidade con esta tipoloxía de fachada en madeira―, así como a praza da propia catedral, na que destacan as torres románicas e góticas e a súa portada gótica, a primeira na península ibérica.

O percorrido remataría na Porta da Pía, resto da fortificación construída en tempos de Fernando II de León e Galicia, coa análise da pía ou baño ritual xudeu e da sinagoga.

Descubrindo A Toxa, unha illa con identidade propia

Día da actividade: 23/07/2024
Punto de encontro: ponte da Toxa - Mapa

Situada no municipio pontevedrés do Grove, a illa da Toxa é un dos lugares máis famosos de toda Galicia co redescubrimento das augas termais no século xix. A pesar das súas reducidas dimensións, podemos atopar alternativas para todos os gustos: termalismo, natureza, tradición...

Neste percorrido coñeceremos a súa historia e os principais personaxes históricos (marqués de Riestra, Daniel Vázquez-Gulías, Antonio Casares...), que nos axudarán a entender a relación e a importancia que tivo a illa ao longo do tempo no desenvolvemento do municipio facendo un percorrido polos principais recursos turísticos, as súas edificacións e a contorna natural, pola cultura mariñeira da zona e mais os seus oficios e idiosincrasia.

Mondariz, pola terra da auga

Día da actividade: 25/07/2024 - Prazas esgotadas
Punto de encontro: fonte de Troncoso - Mapa

Partiremos desde a fonte de Troncoso, proxectada polo arquitecto porriñés Antonio Palacios, onde coñeceremos a súa caracterización básica.

Proseguiremos polo paseo para ver os Pasos de Nota, as poldras que permiten cruzar o río Tea ata o antigo barrio do Outeiro, o núcleo primixenio do actual concello de Mondariz-Balneario, que acolle boas mostras de arquitectura tradicional galega.

A continuación, visitaremos o exterior da Quinta do Outón, continuaremos ata a praza de abastos da vila e encamiñarémonos ata o Balneario de Mondariz, onde contemplaremos os principais monumentos que o conforman.

Do sal á lata: percorrido histórico e arqueolóxico das orixes da industria conserveira en Vigo

Día da actividade: 30/07/2024 - Prazas esgotadas
Punto de encontro: Aduana de Vigo - Mapa

Resultaría complexo entender Vigo sen a súa ría e sen a riqueza que se extrae dela en forma de recursos pesqueiros e marisqueiros, e que foron o motor de industrialización desde o século xix coa Revolución industrial.

Pero moito antes o que hoxe é Vigo viviu outra revolución coa chegada do Imperio romano, tal e como nos demostran os achados arqueolóxicos, co que se puxo en funcionamento o sistema industrial de explotación, preservación e comercialización dos recursos pesqueiros.

Pretendemos facer un percorrido polas historias e os lugares nos cales se protagonizaron estas revolucións económicas e sociais arredor da riqueza da ría e comprender mellor a historia da cidade como motor económico de Galicia.

PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN E PARTICIPACIÓN NAS RUTAS

O período de inscrición comezará o día 10 de xullo ás 12:00 h. Habilitarase un formulario en liña nesta mesma páxina, no que se poderán anotar a persoa solicitante e tres acompañantes; este pecharase no momento en que se reciban suficientes inscricións para cubrir a lista. Unha vez se complete a capacidade, crearase a lista de agarda, para a que tamén será necesario realizar a inscrición.

A lista conformarase por orde de chegada das inscricións: as 25 primeiras persoas recibirán un correo para que confirmen a súa asistencia ou rexeiten a praza coa maior brevidade posible e, en todo caso, antes do día anterior á realización do itinerario, ás 12:00 h. Se existisen renuncias, recibirán o correo de confirmación as seguintes persoas da lista de agarda, as cales deberán respectar o mesmo prazo ou, de enviarse pasado o devandito prazo, contestar canto antes e, en todo caso, antes do xoves anterior á realización da ruta, ás 12:00 h.

As persoas que non respondan nos prazos establecidos quedarán automaticamente excluídas da lista e non poderán participar na ruta para a cal se lle confirmou a praza nin en ningunha das outras incluídas na actividade da AUPO2030.

Consideracións

  • A inscrición só poderá facerse a través do formulario en liña que se habilita no seu momento para cada unha das rutas, polo que non se aceptarán inscricións por outras vías (correo electrónico ou teléfono). Todas as solicitudes presentadas fóra do prazo de inscrición de cada actividade non se terán en conta.
  • Ofertarase un máximo de 25 prazas, xa que os grupos non deben ser moi numerosos para xestionalos correctamente.
  • A actividade disporá dun punto de encontro de arranque en cada itinerario.
  • A actividade non inclúe o desprazamento ata o lugar onde empeza o itinerario.
  • As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta, mentres que as nenas e nenos menores de 7 anos só poderán asistir baixo a responsabilidade das ou dos seus titores legais, e non ocuparán praza

RECOMENDACIÓNS E MATERIAL

  • A roupa debe ser cómoda e o calzado apropiado para moverse polas distintas localizacións.
  • As rutas serán conducidas por guías con experiencia e coñecementos contrastados.
  • Recoméndase levar auga.

Para más información, pode contactar a través do correo electrónico participa.aupo@depo.es ou do teléfono 986 804 100, en horario de 8:00 a 15:00 h, de luns a venres.

Solicitude de Preinscripción - Rutas AUPO2030