Luis López anuncia a renovación da certificación de Areeiro como laboratorio oficial para a detección de pragas corentenais de cultivos de Portugal
A Deputación asinou un protocolo coa Direcão Geral de Alimentação e Veterinária de Portugal para realizar as analíticas de 30 pragas que preocupan as autoridades lusas
30/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial acaba de conseguir a renovación da certificación da Estación Fitopatolóxica de Areeiro como laboratorio oficial para detectar as pragas corentenais de cultivos procedentes de Portugal. Con ela, e a través dun protocolo asinado entre a Deputación e a Direcão Geral de Alimentação e Veterinária do Goberno de Portugal, o centro de investigación provincial analizará as mostras de patóxenos vexetais corentenarios regulados pola Unión Europea no territorio luso.
“Trátase dunha mostra máis da relevancia internacional de Areeiro”, subliñou o presidente da Deputación, que recordou que o centro de investigación está a espertar o interese de entidades de Portugal pero tamén doutros países do mundo como Francia. De feito, recentemente a finca foi visitada por un grupo de docentes do francés Lycée Pierre Le Roy de Boiseaumarié Château Mongin interesado en poñer en marcha proxectos de investigación en colaboración mutua.
No caso do protocolo asinado co goberno portugués, con vixencia ata finais deste ano e con posibilidade de prórroga, Areeiro asume a responsabilidade de detectar e de certificar a entrada de pragas non presentes na Unión Europea e que obrigan a establecer medidas específicas para seren erradicadas. A previsión do acordo é que nas instalacións provinciais se cheguen a realizar máis de 800 análises para detectar organismos que causan estas pragas corentenais en cultivos tanto de horta como de vide. As mostras procesaranse no marco dos métodos analíticos recollidos na lexislación específica da Unión Europea, da Organización Europea e Mediterránea de Protección das Plantas ou procedementos internos de Areeiro, de acordo coas autoridades portuguesas, no caso de que non exista outra regulación.
As mostras, que xa comezaron a chegar estes días, permitirán diagnosticar as pragas reguladas e de obrigada declaración pola normativa comunitaria e chegarán das cinco direccións rexionais de Agricultura e Pesca de Portugal. No marco deste acordo internacional, Areeiro ocuparase das analíticas das 30 pragas que preocupan as autoridades portuguesas e que están causadas por artrópodos, principalmente insectos, mais tamén por fungos, fitoplasmas, virus e bacterias.