A Deputación recibe en Areeiro a investigadores portugueses que están a afondar xunto coa institución provincial nos retos da bioeconomía azul no Espazo Atlántico
O deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, recibiu á delegación do Instituto Politécnico de Leiria que acudiu ao centro provincial con mostras para a súa análise no marco do proxecto europeo BEAP-MAR
22/10/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de recibir en Areeiro a un grupo de investigadores portugueses que están a afondar xunto coa institución provincial e outras entidades de Francia e Irlanda nos retos da bioeconomía azul no Espazo Atlántico. O deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, foi o encargado de acoller á delegación do Instituto Politécnico de Leiria que acudiu ao centro provincial con mostras para a súa análise no laboratorio no marco do proxecto europeo BEAP-MAR, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, financiado con 1,66 millóns de euros do Interreg Atlántic Area 2021-2027 que cubren o 75% do orzamento total do proxecto, que ascende aos 2,2 millóns de euros.
O obxectivo principal de BEAP-MAR é valorizar os organismos mariños que non se teñen explotado comercialmente de maneira tradicional, como novas cepas de microalgas e macroalgas, fungos mariños e esponxas, coa finalidade de desenvolver novos proxectos innovadores e produtos sostibles de alto valor engadido. A través deste proxecto preténdese reforzar a competitividade do tecido empresarial do Espazo Atlántico, avaliar tecnoloxías avanzadas a través de probas de produto, mellorar a capacidade das empresas para deseñar modelos de negocio e explotación adecuados, incrementar o coñecemento sobre os organismos mariños que habitan no Espazo Atlántico e potenciar o sector da bioeconomía azul.
No caso concreto da Deputación de Pontevedra, a Estación Fitopatolóxica Areeiro está a levar a cabo traballos de identificación dos diferentes organismos mariños, principalmente fungos, para que outros dos socios do proxecto poidan despois analizar se en ditos organismos existe algunha biomolécula que poida ser empregada na industria. E, ademais da institución provincial e da Universidade de Santiago, están implicados no BEAP-MAR outros seis socios pertencentes a catro estados membros da Área Atlántica: dúas universidades, a de Galway (Irlanda) e a do Algarve (Portugal); dous centros superiores de investigación, o Politécnico de Leiria (Portugal) e o Commissariat a l’énergie atomique et énergies alternatives (Francia); unha axencia nacional, a French Agency for Food, Environmental and Occupational Health & Safety (Francia), e un centro de innovación empresarial, o WestBIC (Irlanda).