A Deputación celebra que os xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro xa formen parte oficial da Ruta da Camelia de Galicia

Trátase do segundo xardín da Deputación en integrar deste percorrido promovido pola Xunta de Galicia, que xa incluía os do Castelo de Soutomaior

10/09/2024

Os xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro, propiedade da Deputación de Pontevedra, convértense nun dos puntos incluídos dentro da Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia. O Comité da Camelia de Galicia informou de maneira oficial hai uns días á institución provincial da aceptación da solicitude de adhesión do espazo natural a este itinerario, que pasan a ser os segundos xardíns propiedade da Deputación que forman parte dela tralo Castelo de Soutomaior.  

A Ruta dos Xardíns da Camelia é a única ruta turística existente en Europa que permite percorrer unha serie de xardíns públicos e privados cuxa característica principal é a de posuír a meirande colección e variedades de camelias de Europa. Os outros espazos da provincia de Pontevedra incluídos son os pazos de Lourizán (Pontevedra, propiedade da institución provincial ata o pasado ano), de Oca (A Estrada), da Saleta (Meis), de Quinteiro da Cruz (Ribadumia), de Pegullal (Salceda de Caselas), de Quiñones de León (Vigo) e de Rubianes (Vilagarcía de Arousa) e mais o Parque do Castro (Vigo).

En Areeiro mantense e increméntase cada ano a colección viva de camelias da Deputación de Pontevedra, que conta con preto de 1.400 exemplares de 46 especies. Ademais, tamén se realizan prospeccións polos xardíns históricos de Galicia, tanto públicos como privados, para recuperar cultivares antigos de camelia, e programas de investigación en todos os campos relacionados coa camelia. Areeiro tamén forma parte do Grupo Internacional de Traballo de Conservación e de Identificación de Camelias Históricas da Sociedade Internacional da Camelia, que ten como obxectivo rexistrar, identificar e conservar os exemplares de camelia anteriores ao século XX de todo o mundo. Os xardíns de Areeiro pódense visitar durante todo o ano, todos os martes e xoves e dous sábados ao mes, grazas ao programa de visitas guiadas ao centro promovido pola Deputación, con solicitudes a través do seu sitio web.