O pleno da Deputación aproba unhas contas de récord de 209M€, dos que máis dun terzo destínase á cooperación cos concellos, grazas á estabilidade política da corporación
As segundas contas impulsadas polo goberno de Luis López reforzan as áreas estratéxicas de Turismo, Deporte, Cultura, Acción Comunitaria e Infraestruturas
08/11/2024
A Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria, á aprobación inicial das contas do organismo provincial para o vindeiro ano 2025. Trátase do Orzamento máis alto da historia da Deputación, que alcanza os 209 millóns de euros, un 10,5% e 20 millóns máis que o do presente ano 2024. Un documento que afonda no municipalismo instaurado polo goberno que dirixe Luis López ao destinar aos concellos un terzo do orzamento e que reforza áreas estratéxicas como o turismo, o deporte, a cultura, a acción comunitaria ou as infraestruturas.
Coa aprobación inicial deste Orzamento, que obtivo os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e o rexeitamento dos deputados do PSOE e do BNG, o Goberno provincial cumpre por segundo ano consecutivo o seu compromiso de facer que as novas contas entren en vigor o 1 de xaneiro. "Unha nova demostración de estabilidade política, rigor e seriedade", afirmou o deputado e voceiro do goberno, Jorge Cubela.
Os concellos seguen no centro da acción de goberno
A partida destinada á cooperación cos concellos volve ser un ano máis a que máis recursos aglutina. Máis dun terzo do orzamento destinarase novamente a colaborar coa administración local, que recibirá da Deputación 5,2 millóns máis que o ano pasado, concretamente 71,4 millóns. Unha cifra que é aínda maior ao ter en conta os recentemente aprobados Plan Extra (35M€) ou o segundo Plan de Infraestruturas Deportivas (8M€). Dentro desta partida, o +Provincia repite como o programa central de colaboración cos concellos. Un plan que volve tocar teito cunha dotación de 48,2 millóns de euros cunha sensibilidade renovada pola transformación do territorio e o reto demográfico.
Ademais, o orzamento recolle tamén a reserva de 7,5 millóns de euros para realizar investimentos nas cidades de Vigo e Pontevedra en iniciativas canalizadas a través dos seus respectivos gobernos. A maiores, a Deputación reforza as pontes tendidas coas dúas grandes urbes da provincia, nas que ten en marcha proxectos estratéxicos como o do Cine Fraga ou Santa Clara, destinando 5,2M€ para a nova Grada de Gol de Balaídos ou 1,1M€ para a Bienal de Arte pontevedresa.
As áreas estratéxicas refórzanse
As novas contas da Deputación para o vindeiro ano inclúen tamén un aumento das partidas de áreas estratéxicas como o deporte, que medra case nun 15 %, ata os 6,4 millóns. Unha partida que inclúe novidades como a creación dunha nova liña de axudas para adquisición de vehículos para o tecido deportivo, o reforzo das axudas ás federacións, unha cátedra do deporte en colaboración coa Universidade de Vigo e a suba dun 51 % da contía destinada a organizar na provincia eventos deportivos de interese global.
Os recursos destinados ao turismo crecen tamén nun 8 % ata acadar os 6 millóns de euros para que as Rías Baixas sigan sendo líderes en Galicia, referencia en España e exemplo de desestacionalización e sustentabilidade. Neste eido, sobresaen novidades como o incremento das axudas as festas de interese internacional ata un 25% ou reforzo da marca Rías Baixas Fest cun 17 % máis de fondos.
En Cultura, a partida increméntase nun 14 %, ata os 5,4 millóns de euros rachando por primeira vez a barreira dos cinco millóns de investimento. Uns fondos que servirán, entre outras medidas, para reforzar a aposta polo primeiro circuíto de artes escénicas provincial, o +Escénicas; ou para recuperar a liña de compra de instrumentos musicais e vestiario con 200.000 euros.
Outra das bandeiras do goberno provincial, a acción comunitaria, ve incrementada tamén a súa dotación nun 20 %, ata os 2,4 millóns de euros. Uns fondos que servirán para seguir impulsando medidas que tiveron tan boa acollida como o apoio ao asociacionismo ou o +Aqua para colaborar coas comunidades de usuarios de auga.
Así mesmo, o Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais contará para o vindeiro ano cun total de 24 millóns de euros, unha suba de 8 millóns, para o mantemento en perfecto estado de 1.600 quilómetros da rede de vías provinciais.
Outros investimentos
As novas contas da Deputación reservan incrementan tamén os recursos destinados a departamentos fundamentais para o desenvolvemento da provincia como son Promoción do Emprego, que sube un 7,5 % ata os 2,9M€; Benestar Social, un 6 %, ata os 6,6 M€; Igualdade, un 1,9 %, ata os 1,7M€; Xuventude e Reto Demográfico, un 2 %, ata os 1,25M€; ou a Asistencia Intermunicipal, un 14 %, ata os 4,7M€; O coidado do medio é outra das liñas á que a Deputación destina unha gran cantidade de recursos para situarse en 4,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4 %.
Do mesmo xeito, resérvase un incremento noutras partidas para construír unha provincia máis moderna e xusta como as Novas Tecnoloxías, que acadan os 7,5 millóns de euros; Medio Ambiente e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que suman 8 millóns de investimento conxunto; ou os 750.000 euros, 200.000 euros adicionais, en axudas a cooperativas agrogandeiras e confrarías de pescadores, así como un incremento do 9 % para o fomento da lingua galega. Ademais, en materia de persoal, o goberno provincial creará un Grupo B para que os funcionarios de categoría C1 poidan promocionar internamente e permitir o ascenso de traballadores de categoría E en categoría C1.
"Hai ano e medio, cando entramos nesta casa marcámonos os obxectivos de aumentar os investimentos, fomentar a colaboración e comunicación cos rexedores e conceder autonomía e flexibilidade á hora de executar proxectos. Con estes segundos orzamentos desta nova etapa, podemos confirmar que estamos a cumprir e que esta Deputación está máis ao carón ca nunca dos veciños e veciñas dos 61 concellos", concluíu a súa exposición o voceiro do goberno da Deputación, Jorge Cubela.