O ciclo de cine infantil no Museo de Pontevedra remata esta semana con dous filmes con nenas valentes como protagonistas
Este xoves 4 de xaneiro proxectarase Meigallos e o venres 5 Valentina, ambos os dous no auditorio do Edificio Castelao, ás 18:00 horas
03/01/2024
O ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar que o museo programou para este Nadal remata esta semana coas dúas últimas proxeccións: o xoves 4 poderase ver Meigallos e o venres 5 será a quenda de Valentina. As proxeccións terán lugar no auditorio do Edificio Castelao, ás 18:00 horas. O acceso é con reserva previa en reservas.museo@depo.gal, cun máximo de catro prazas por cada reserva.
O xoves proxéctase Meigallos, un filme galego de animación do ano 2015 dirixido por Virginia Curiá. A protagonista desta historia é a pequena Malva, unha nena obsesionada cos aparellos tecnolóxicos que se ve envolta nunha aventura cargada de suspense e diversión cando a súa avoa “curandeira” é secuestrada. Malva terá que enfrontarse a quen quere roubar as fórmulas tradicionais da súa avoa para vender cosméticos.
O venres o ciclo remata coa proxección de Valentina, un filme de 2021 dirixido por Chelo Loureiro. Valentina soña con ser trapecista e cre que por ter síndrome de Down non poderá conseguilo, pero a súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se as eirugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. O filme obtivo o premio Goya á Mellor Película de Animación, ademais de obter o mesmo recoñecemento nos Premios Platino do Cine Iberoamericano.
Última semana da programación de Nadal
A programación de Nadal no museo remata esta semana, na que teñen lugar as últimas sesións do obradoiro Ilustrando un Pasado Mítico, dirixido a nenas e nenos de 6 a 10 anos e xa coas prazas completas. Neste obradoiro as e os participantes coñecen a figura de Teucro, fundador mítico da cidade, que é tamén un dos protagonistas de Mar e a Pantasma das Treboadas, un libro para público infantil escrito por Clara do Roxo e editado polo Museo de Pontevedra. Precisamente, as ilustracións orixinais desta obra, das que é autor Xavier Magalhães, exhíbense no claustro do Edificio Sarmiento ata este domingo 7 de xaneiro.