O bosque animado e A galiña Turuleca abren esta semana o ciclo de cine infantil galego no Museo de Pontevedra

Xa se completaron as prazas do obradoiro Ilustrando un Pasado Mítico, que se desenvolverá a partir da semana que vén

18/12/2023

A programación de Nadal do Museo de Pontevedra inclúe este ano un ciclo de cine dirixido ao público infantil e familiar no que se proxectarán algunhas das longametraxes de animación máis destacadas da historia e da actualidade do cinema feito en Galicia. O ciclo comeza esta semana coa proxección de O bosque animado, este xoves 21, e de A galiña Turuleca, o venres 22. Ambas as proxeccións serán ás 18:00 h, no auditorio do Edificio Castelao. A entrada debe reservarse previamente en reservas.museo@depo.gal e só se permitirá un máximo de catro prazas por reserva.  

A película que abrirá o ciclo este xoves pode considerarse xa un clásico da animación galega. O bosque animado é unha película de 2001, producida por Dygra Films, coa dirección de Ángel de la Cruz e Manolo González. Foi un gran fito da animación europea por ser a primeira longametraxe do continente realizada coa técnica 3D. Ten unha duración de 83 minutos e baséase libremente na novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez.

Nos Premios Goya 2002, O bosque animado obtivo o galardón ao mellor filme de animación e á mellor canción, interpretada por Luz Casal. Ademais, obtivo sete premios Chano Piñeiro do audiovisual galego e foi recoñecida en festivais de todo o mundo, coma o Chicago International Children’s Film Festival, o Fantasporto,  Festival de cine de Zlín (República Chega) ou o de Rimoursky, en Québec (Canadá).

O venres será a quenda de A galiña Turureca, unha coprodución hispano-arxentina, coa participación de Producións A Fonsagrada, que dirixiron Eduardo Gondell e Víctor Monigote en 2019. Estreouse no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián e obtivo o Premio Goya á mellor película de animación.  O filme conta a historia de Turuleca, unha galiña cun aspecto singular da que todas se burlan no galiñeiro. Cando vai vivir á granxa dunha antiga profesora de música descobre que ten un gran talento oculto: sabe cantar.

Próximas semanas no ciclo

A semana que vén proxectaranse dous filmes dirixidos a maiores de 7 anos. O xoves 28 programarase O Apóstolo, unha película de stop motion dirixida por Fernando Cortizo en 2012, cos modelos e coas voces de Carlos Blanco, Luis Tosar e Jorge Sanz. O venres 29 pasarase Engurras, un filme sobre o alzhéimer, baseado na novela gráfica de Paco Roca, que obtivo en 2011 dous premios Goya.

O xoves 4 de xaneiro proxectarase Meigallos, unha cinta dirixida en 2015 por Virginia Curiá. Finalmente, o ciclo pecharase o venres 5 de xaneiro con Valentina, unha película dirixida por Chelo Loureiro sobre os soños dunha nena con síndrome de Down e da súa avoa, que en 2021 obtivo o Goya a mellor filme de animación.

Esta semana no Museo de Pontevedra

A programación de Nadal do Museo de Pontevedra complétase esta semana co recital de ballet do alumnado da Escola de Danza Vaganova, con música de O quebranoces de Chaikovski, que terá lugar o sábado 23 de decembro, ás 18:30 h. Ademais, o auditorio do Edificio Castelao acolle este mércores, ás 19:00 h, o espectáculo de poesía, música e luz Ultraluz, de Ledicia Costas e Amaro Ferreiro.

Tamén se celebrarán neste edificio varias presentacións editoriais: o martes, ás 19:30 h, a editorial Ab Origine Antropoloxía presentará A árbore dos namorados, de Buenaventura Aparicio; mentres que Alfi Difusión Editorial presentará dous libros de José Benito García Iglesias: La gotera en el grifo de mi destino, o xoves, e Abandonad toda esperanza, o venres, ambos os dous ás 19:30.  

Obradoiro con prazas completas

Por outra banda, xa están completas as 120 prazas dispoñibles do obradoiro Ilustrando un Pasado Mítico, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 10 anos. Trátase dun obradoiro de ilustración inspirado na exposición “Mar e a pantasma das treboadas”, que se pode visitar no claustro do Edificio Sarmiento. Repetirase todas as mañás, de 11:30 a 13:00 h, entre o 26 e o 29 de decembro e, en xaneiro, do 2 ao 5.