O Museo inicia a súa programación de Nadal, con concertos, cine infantil, obradoiros, exposicións e unha postal conmemorativa

O prazo de inscrición ao obradoiro Ilustrando un Pasado Mítico, dirixido a nenas e nenos de 6 a 10 anos, abre este martes a partir das 9:00 horas

11/12/2023

Programación de Nadal do Museo de Pontevedra

A programación de Nadal do Museo de Pontevedra comeza este martes coa Gala de Lírica do alumnado do Conservatorio Manuel Quiroga. Seguirano outros concertos e recitais, un ciclo de cine infantil con seis longametraxes de animación galega e un obradoiro de ilustración con quendas diarias nas semanas centrais do Nadal, ademais de dúas exposicións abertas nestas datas no Edificio Castelao. A isto únese a edición dunha postal de Nadal que poderán recoller as persoas que visiten o Museo nestas datas.

Obradoiro

Co título Ilustrando un Pasado Mítico, o Museo ofrece ás nenas e aos nenos de 6 a 10 anos un obradoiro de ilustración inspirado na exposición “Mar e a pantasma das treboadas”, que se pode visitar no claustro do Edificio Sarmiento. A mostra recolle os debuxos que fixo Xavier Magalhães para o libro infantil do mesmo título, escrito por Clara do Roxo, que acaba de editar o Museo.

O obradoiro repetirase todas as mañás nas semanas do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro, de 11:30 a 13:00 h. Ofértanse un total de 120 prazas, 15 para cada día. A inscrición pode facerse desde este martes 12 de decembro, ás 9:00 h, a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal, indicando nome e apelidos da nena ou neno, idade e teléfono de contacto.

Concertos e recitais

Este martes desenvolverase o primeiro dunha serie de eventos de música e danza no Museo protagonizados polo alumnado de centros educativos especializados da cidade. Será a III Gala de Lírica do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. Ás 19:30 h no Edificio Castelao actuarán o Coro I, o Coro II, o Coro infantil e o alumnado de canto, baixo a dirección de Nanette Sánchez e Cristina Suárez.

Pola súa banda, o venres 15 de decembro ás 18:00 h será a quenda do Concerto de Nadal do alumnado da Academia Gaïa de Pontevedra. E o próximo sábado 23 de decembro ás 18:30 h, o alumnado da Escola de Danza Vaganova presentará un recital de ballet con música de O Quebranoces de Chaikovskii.

Ciclo de cine infantil

A programación no Museo inclúe este ano un ciclo de cine dirixido a público infantil e familiar no que se proxectarán algunhas das longametraxes de animación máis destacadas da historia e a actualidade do cinema feito en Galicia. Durante tres semanas, os xoves e venres ás 18:00 h proxectaranse no auditorio do Edificio Castelao seis filmes dirixidos ás e aos máis pequenos. O acceso é con reserva previa en reservas.museo@depo.gal, cun máximo de 4 prazas por reserva.

O ciclo arranca o xoves 21 con ‘O bosque animado’, de Dygra Films, que no 2001 se converteu na primeira película de animación 3D realizada en Europa e que obtivo dous premios Goya. O venres 22 proxectarase ‘A Galiña Turuleca’ (2019), gañadora tamén do Goya ao mellor filme de animación.

A seguinte semana proxectaranse dous filmes dirixidos a maiores de 7 anos. O xoves 28 programarase ‘O Apóstolo’, unha película de stop motion dirixida por Fernando Cortizo en 2012, cos modelos e as voces de Carlos Blanco, Luis Tosar e Jorge Sanz. E o venres 29 pasarase ‘Engurras’, un filme sobre o alzheimer, baseado na novela gráfica de Paco Roca, que obtivo en 2011 dous premios Goya.

O xoves 4 de xaneiro proxectarase ‘Meigallos’, unha cinta dirixida en 2015 por Virginia Curiá. E pecharase o ciclo o venres 5 de xaneiro con ‘Valentina’, película dirixida por Chelo Loureiro sobre os soños dunha nena coa síndrome de Down e a súa avoa, que en 2021 obtivo o Goya ao mellor filme de animación.

Exposicións e postal

A programación complétase coas exposicións que permanecen abertas este Nadal no Museo de Pontevedra. No Edificio Castelao pode visitarse ata o 28 de xaneiro “Campo de sementes 2”, unha mostra colectiva de profesorado e exalumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, con obra plástica de Maruxa Alonso Gago, Berta Cáccamo, Miguel Cuba, Manolo Dimas, Carlos Fer, Elena Fernández Prada, Juan Fontaíña, Xisela Franco, Carmen Lage, Teresa Pajares, Ignacio Pérez-Jofre, Lucía Romaní e Sonia Tourón Estévez. O comisario é Xosé Manuel Buxán Bran.

E no claustro do Edificio Sarmiento pode visitarse ata o 7 de xaneiro unha mostra coas doce ilustracións orixinais que realizou o artista Xavier Magalhães para o libro “Mar e a pantasma das treboadas”, escrito por Clara do Roxo, que publicou o Museo.

Por outra parte, o Museo acaba de recuperar a tradición de editar unha postal de Nadal, que estará a disposición das persoas que visiten o Museo durante estas datas. A postal deste ano ten como imaxe a ‘Pimpinela’, a ilustración que Castelao fixo do personaxe da súa obra teatral ‘Os vellos non deben de namorarse’, tomada da versión manuscrita definitiva que conserva o Museo. A postal inclúe tamén un poema de Luísa Villalta, poeta á que se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2024.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.