Últimos días para visitar no Museo de Pontevedra “Campo de sementes 2”, a exposición que recolle a diversidade de linguaxes artísticas da Facultade de Belas Artes
A mostra, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, reúne a obra de trece artistas, docentes e exalumnado da facultade pontevedresa
20/01/2024
Ata o 28 de xaneiro poderá visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición “Campo de sementes 2”, que recolle a diversidade de linguaxes artísticas da Facultade de Belas Artes. A mostra, comisariada por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade, e organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, reúne a obra de trece artistas, docentes e exalumnado de Belas Artes.
“Campo de sementes 2” xunta nun mesmo espazo unha mostra representativa da diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, en boa medida, na arte contemporánea galega. A nómina de artistas presentes fórmana Maruxa Alonso Gago, Berta Cáccamo, Miguel Cuba, Manolo Dimas, Carlos Fer, Elena Fernández Prada, Juan Fontaíña, Xisela Franco, Carmen Lage, Teresa Pajares, Ignacio Pérez-Jofre, Lucía Romaní e Sonia Tourón Estévez.
A obra exposta fórmana creacións dos últimos anos, coa excepción de dúas pinturas de Berta Cáccamo, artista e profesora de Belas Artes falecida en 2018; os seus lenzos, datados en 1984 e 1986, están situados no espazo central da sala e ao seu redor atópanse a fotografía de Carmen Lage, as indagacións de formas e texturas de Ignacio Pérez-Jofre e Carlos Fer, e as grandes composicións pictóricas de Elena Fernández Prada e Teresa Pajares.
A mestura de linguaxes artísticas asoma na instalación con vídeo e fragmentos de louza de Xisela Franco, ou na instalación fotográfica de Maruxa Alonso Gago e nas pezas do proxecto “Do (in)visíbel ao (im)posíbel na maternidade”, de Sonia Tourón Estévez. A obra de Juan Fontaíña traballa con materiais coma o granito e a cerámica. Completan a exposición os acrílicos dentro e fóra do lenzo de Lucía Romaní, a pintura figurativa de Manolo Dimas e as ilustracións dixitais sobre a relación entre publicidade e patrimonio artístico de Miguel Cuba.