A Deputación inicia a próxima semana 34 novos obradoiros de +Xuntas en 22 concellos da provincia

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán neste 2024 a entidades de 53 concellos

07/09/2024

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de 34 colectivos de 22 concellos da provincia: Baiona, Caldas de Reis, Cangas, Cuntis, A Estrada, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, Lalín, A Lama, Marín, Moraña, Mos, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tui e Vigo. Mulleres de entidades sociais destas localidades iniciarán as actividades formativas incluídas nunha iniciativa da Deputación que busca promover a igualdade, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

O luns 9 de setembro comezarán dous obradoiros de pilates para usuarias da Casa Santa María da Esperanza Escravas Virxe Dolorosa (Mos) e da Asociación Cultural Moreira A Tope (Soutomaior), así como un de conservacións de alimentos, conservas e encurtidos na Asociación Mulleres en Igualdade do Rosal e outro de arte floral para a Asociación Cultural San Fins de Rebordáns (Tui).

Xa o martes 10 de setembro iniciarán os seus cursos un total de once entidades sociais. A Asociación de Mulleres Rurais Carballeira (Caldas de Reis) e a Asociación As Mulleres de Troáns (Cuntis) comezarán cursos de ximnasia hipopresiva; a Asociación Érguete Baixo Miño (A Guarda) un obradoiro de autoestima e comunicación asertiva; A Fundación Pazo de Mos e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Silleda) de ioga; a Asociación Cultural Son de Xeve (Pontevedra) un de conservación de alimentos, conservas e encurtidos; a Asociación Rural Mulleres Estribela Lourizán (Pontevedra) un de musicoterapia; a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá – La Unión (Vigo) un de horta ecolóxica; a Asociación Centro Cultural e Social de Baiña (Baiona) un de alfabetización dixital, e a Asociación Libélulas BCS (Pontevedr) e a Asociación Veciña-Cultural Cortegada (Silleda) de pilates.

Pola súa banda, o mércores 11 de setembro será a quenda das usuarias da Asociación de Veciños de Gandón (Cangas), que comezarán un curso de iniciación á costura de retallos; da Asociación Cultural Chorima (Moraña) que empezarán un de ioga; da Asociación Centro Social, Cultural e Recreativo de Cedeira (Redondela) un de xardinería, e da Asociación de Veciñas e Veciños Ameixoa (Salceda de Caselas) de alfabetización dixital.

O xoves 12 de setembro comezarán seis novos cursos. Neste caso, as usuarias da Asociación de Mulleres Rurais a Torre da Barreira de Riobó e a Asociación de Veciños San Esteban de Oca, ambas na Estrada, comezarán o curso de arte floral. Ademais, a Asociación Aspadeza (Lalín) e a Asociación Veciñal A Fonte Cantodarea-Estribela (Marín) o de risoterapia; a Asociación de Veciños San Amaro de Menduiña (Cangas) o de xardinería, e Asociación de Mulleres Intercambio do Saber (Marín) o de personalización de álbums.
Ademais, o venres 13 comezarán seis novas accións formativas noutras tantas asociacións. Así, usuarias da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais A Xuntanza (Fornelos de Montes) e da Asociación de Veciños de San Vicente e Canedo (Ponteareas) iniciaranse na costura de retallos; as da Asociación de Veciños Desenvolvemento Rural de Alberguería (Moraña) comezarán o curso de horta ecolóxica; mulleres da Asociación de Veciños O Mirador Monteporreiro (Pontevedra) o de risoterapia; da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda (Salceda de Caselas) o de arte floral, e da Asociación de Mulleres Rurais Caselas (Salceda de Caselas) o de conservación de alimentos, conservas e encurtidos.

Por último, o sábado 14 de setembro serán tres os obradoiros que dean comezo: o obradoiro de plantas medicinais na Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa de San Vicente do Grove, o de arte floral da Asociación de Mulleres de Seixido (A  Lama) e o de teatro na Asociación Veciñal Novo Vigo (Vigo).

No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 53 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.