Luis López anuncia que preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos da provincia poderán desfrutar do programa de termalismo +Benestar
Os beneficiarios, de 60 concellos da provincia, desfrutarán dunha estancia de seis días e cinco noites nun dos sete establecementos dispoñibles en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín
31/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou a relación de persoas admitidas no programa de termalismo social +Benestar, a través do cal preto de 2.200 persoas maiores de 55 anos de 60 concellos da provincia poderán desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A través deste programa a institución provincial pretende facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar o sector turístico durante os períodos de menor actividade. “A nosa vontade é que esta provincia vaia a máis e sabemos que soamente podemos conseguilo garantindo o benestar do conxunto da nosa sociedade”, asegurou o presidente ao tempo que engadiu que “traballamos sen descanso para conseguilo, con programas como este, que buscan favorecer o envellecemento activo”.
En concreto, beneficiaranse de +Benestar 995 persoas de Vigo e do sur da provincia, 509 da contorna de Pontevedra, 223 da comarca do Morrazo, 267 veciñas e veciños do Salnés e Arousa, e 181 das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. A Deputación subvenciona un total de 2.097 das prazas, que son de réxime xeral, con 100 €, e outras 30, de réxime especial, están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante.
O programa, que arranca esta mesma fin de semana coas primeiras saídas que terán lugar o domingo 2 de novembro, ofrece para estas preto de 2.200 persoas empadroadas na provincia estancias de seis días e cinco noites en sete establecementos termais situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa). Os prezos oscilan entre os 330 e os 425 euros, segundo o establecemento, e ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día; e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.