A Deputación pon este domingo en funcionamento o programa +Benestar, con preto de 70 participantes
As primeiras estancias do programa provincial levarán a 70 persoas de 13 concellos da provincia ao Hotel Carlos I e o Gran Talaso de Sanxenxo
02/11/2024
A Deputación de Pontevedra pon este domingo en funcionamento o programa +Benestar, con preto de 70 participantes. As primeiras estancias do programa provincial de termalismo levarán a persoas dos concellos de Baiona, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño,Tui e Vigo a desfrutar de seis días e cinco noites no Hotel Carlos I e o Gran Talaso de Sanxenxo.
No marco do programa de termalismo +Benestar serán preto de 2.200 as persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia as que desfruten de estancias de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona un total de 2.097 das prazas, que son de réxime xeral, con 100 €, e outras 30, de réxime especial, están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.