Luis López confirma a colaboración con Down Pontevedra “Xuntos” como mostra do compromiso da Deputación co tecido asociativo pola inclusión social de todas as persoas

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente, Rafa Dominguez, e a deputada Sandra Bastos, coñeceu o labor e as necesidades desta entidade nun percorrido pola súa sede de Pontevedra

20/03/2024

Luis López na sede da asociación Down Pontevedra

O presidente, Luis López, amosou o apoio da Deputación ao labor da asociación Down Pontevedra “Xuntos” durante unha visita á sede desta entidade na rúa Gorgullón de Pontevedra. Acompañado polo vicepresidente, Rafa Domínguez, e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, Luis López confirmou a concesión dunha axuda a este colectivo para levar a cabo o proxecto “Reforzo da linguaxe oral. Área Vida Adulta”, unha iniciativa da que se benefician 51 persoas da zona norte da provincia e que consiste na prestación dun servizo especializado de logopedia para as persoas usuarias e mais na instrución das familias para facilitar o desenvolvemento da habilidade da fala e da linguaxe na contorna doméstica.

“Cando dicimos que queremos que a provincia vaia a máis, colectivos coma Down Pontevedra “Xuntos” son determinantes. Queremos sumar esforzos porque para unha administración coma a Deputación son a canle perfecta para, a través das axudas que proporcionamos, chegar a estes colectivos. Polo tanto, temos que ir da man de Down Pontevedra “Xuntos”, recoñeceu o presidente da Deputación.

Despois de percorrer as instalacións desta asociación en Pontevedra e de escoitar as explicacións sobre o traballo que realiza e as súas necesidades, o mandatario provincial reafirmou a vontade do Goberno da Deputación de manter a colaboración con Down Pontevedra “Xuntos” en todo o que sexa posible para que continúen ofrecendo un servizo que mellora a calidade de vida das persoas con síndrome de Down ou con algún tipo de discapacidade intelectual. “Sumámonos, deste xeito, á conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down, que ten lugar este xoves”, contextualizou o dirixente.

Neste sentido, Luis López, puxo en valor a importancia deste colectivo, fundado no ano 1991 por familiares de persoas con Síndrome de Down. O presidente provincial destacou o labor realizado pola inclusión social, a educación e a formación das e dos seus usuarios, e tamén agradeceu o esforzo realizado para que as familias poidan conciliar a vida familiar e laboral. “Quero agradecer o traballo de todos os profesionais que traballan nesta asociación de Down Pontevedra ‘Xuntos’, case 20 persoas, que, grazas a elas, as familias, nenas e nenos teñen un modo de vida acorde aos tempos que debemos vivir”, valorou Luis López.

A colaboración da Deputación con este proxecto de Down Pontevedra “Xuntos” reflexa o compromiso do Goberno provincial co tecido asociativo pontevedrés para mellorar a atención ás persoas con síndrome de Down, con algunha discapacidade intelectual ou con todas aquelas persoas que presentan necesidades especiais.