A Deputación destina preto de medio millón de euros a máis de cen entidades da provincia para actuacións no ámbito social
O presidente, Luis López, asegurou que a través desta liña de subvencións a institución colabora con entidades sociais da provincia “para desenvolver actividades e proxectos destinados a apoiar persoas e colectivos en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade”
27/10/2023
Un total de 114 entidades de 21 concellos da provincia recibirán as achegas da Deputación de Pontevedra para actuacións no ámbito social. A Xunta de Goberno acaba de aprobar estas subvencións, ás que se lles destina un orzamento de case medio millón de euros e que están dirixidas, como explicou o presidente provincial, Luis López, a colaborar coas entidades sociais da provincia “para que poidan desenvolver actividades e proxectos destinados a apoiar persoas e colectivos en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade”.
Esta liña de subvencións ten un grande arraigo na provincia e supera o centenar de solicitudes cada ano. Son achegas que benefician de xeito directo 5.000 persoas e indirectamente, 15.000. Das entidades beneficiadas, un total de 54 están situadas en Vigo e 16 en Pontevedra. Ademais, 9 traballan desde Vilagarcía de Arousa, 7 desde Cangas, 5 desde Lalín e 3 desde Redondela. O resto están situadas na Guarda (2), Ponteareas (2), Silleda (2), Tomiño (2), Tui (2), A Estrada (1), Bueu (1), Crecente (1), Mos (1), Nigrán (1), Pazos de Borbén (1), O Porriño (1), Sanxenxo (1), Valga (1) e Vilanova de Arousa (1).
As achegas permitirán financiar, entre outros proxectos, bancos de alimentos, programas dirixidos a persoas con deterioro cognitivo ou con problemas de saúde mental, iniciativas de atención a persoas con discapacidade, vivendas de respiro familiar, programas de asesoramento e apoio a persoas con ELA, programas de capacitación laboral e reforzo educativo, obradoiros de musicoterapia ou iniciativas de prevención da exclusión social no alcoholismo, só por citar algúns.
Entre as entidades beneficiarias figuran a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama, a Asociación de Párkinson da Provincia de Pontevedra, a Asociación Banco de Alimentos Rías Baixas, Aspanaex, Amizade, a Asociación Alba, Anedia, Rexurdir Provincial, a Federación Aspace ou Down Galicia.