A Deputación tingue o seu Pazo provincial de azul e amarelo con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down
A institución súmase á iniciativa promovida por Down Galicia iluminando o Pazo entre este mércores e o venres
19/03/2024
A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul e amarelo o seu Pazo provincial desde a noite do mércores 20 ata a mañá do venres 22 de marzo ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down. Iluminarase a parte central do Pazo de amarelo e os laterais de azul para sumarse ás reivindicacións de Down Galicia, conmemorar esta data e darlle visibilidade a todas as persoas que forman o colectivo.
O Goberno provincial súmase así á campaña #ExtraCapacitados lanzada polas asociacións Down de España para reivindicar máis ofertas de emprego para as persoas coa síndrome de Down, xa que o 95 % delas non conseguen traballo. Para a Deputación é fundamental reivindicar a construción dunha sociedade máis igualitaria, máis inclusiva, na que todas as persoas, coas súas diferenzas, poidan participar activamente nos diferentes ámbitos da sociedade e teñan máis e mellores oportunidades. Por este motivo, a institución provincial aposta por recoñecerlles as diferenzas e o seu valor engadido e atendelas para atopar posibilidades de estar en sociedade e configurar unha vida máis xusta, plural e equitativa.
O Día Mundial da Síndrome de Down festéxase o 21 de marzo co obxectivo de fomentar o coñecemento e a comprensión entre a poboación. Trátase dunha oportunidade para realzar os dereitos das persoas que forman parte deste colectivo, garantíndolles unha vida plena e digna, e tamén para participar como parte da cidadanía activa nas súas comunidades e na sociedade en xeral.