A Deputación organiza esta semana de Entroido novas saídas do programa Lecer en familia coa participación de máis de 420 persoas
As estancias programadas este venres 28 de febreiro e o mércores 5 de marzo levarán a familias de 32 concellos ao Hotel Carlos I de Silgar de Sanxenxo, ao Bienestar Moaña, ao Bahía Bayona, ao Hotel Coia de Vigo, ao Alda Carril, Alda Castelao e Pazo O Rial de Vilagarcía de Arousa e ao Hotel Pontiñas de Lalín
27/02/2025
A Deputación de Pontevedra programa novas saídas de Lecer en familia, que levarán a 422 persoas de 32 concellos da provincia ao longo de toda a semana a desfrutar de oito dos 12 establecementos hoteleiros participantes no programa. O obxectivo desta iniciativa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia financiando estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros, das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.
Desta maneira, 321 persoas de Barro, Caldas de Reis, Cangas, Catoira, Forcarei, Gondomar, A Guarda, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa desfrutarán dunha estancia no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo; 36 persoas de Nigrán, O Porriño, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo farán o propio no Hotel Pazo o Rial de Vilagarcía de Arousa, e 34 de Marín, Poio, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa aloxaranse no Bienestar Moaña.
Ademais, 16 persoas de Pontevedra, Tui, Vigo e Vilaboa desfrutarán dunha estancia no Hotel Pontiñas de Lalín; 5 persoas de Mos e Vigo no Alda Carril de Vilagarcía; 4 persoas de Vigo se aloxarán no Alda Castelao de Vilagarcía; 3 persoas de Catoira no Hotel Coia de Vigo, e outras tres de Vigo no Hotel Bahía Bayona.
En total, van participar en Lecer en Familia preto de 3.000 persoas de 52 concellos da provincia, que asistirán a 12 estabelecementos entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. En réxime de media pensión, tamén realizarán actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada estabelecemento) ou accederán aos circuítos termais dos que dispoñan nas súas instalacións. Ademais de potenciar a calidade de vida das familias, o programa tamén busca impulsar o sector turístico da provincia de Pontevedra.
Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías realizaranse en temporada baixa (entre xaneiro e marzo), con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.