A Deputación organiza esta semana novas saídas do programa Lecer en familia coa participación de preto de 200 persoas
As estancias programadas este venres e sábado 7 e 8 de marzo levarán a familias de 22 concellos a nove dos 12 establecementos participantes no programa
06/03/2025
A Deputación de Pontevedra programa novas saídas de Lecer en familia, que levarán a 196 persoas de 22 concellos da provincia ao longo de toda a semana a desfrutar de estancias en nove dos 12 establecementos hoteleiros participantes no programa. O obxectivo desta iniciativa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia financiando estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros, das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.
Asistirán ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo un total de 61 persoas dos concellos de Baiona, Cangas do Morrazo, Catoira, Oia, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Salceda de Caselas, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Tamén en Sanxenxo, outras 40 persoas terán estadías no Hotel Carlos I Silgar procedentes dos concellos de Cangas do Morrazo, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo.
Ata Vilagarcía de Arousa desprazaranse, por unha banda, un total de 34 persoas dos concellos de Lalín, Marín, Pontevedra, Salceda de Caselas e Vigo para gozar de estadías no Hotel Pazo O Rial. Outras 11 persoas quedarán no Hotel Alda Carril procedentes de Marín, As Neves e Poio, mentres que outras 7 aloxaranse no Hotel Alda Castelao procedentes de Cerdedo-Cotobade e Nigrán.
Esta fin de semana tamén haberá estadías no Hotel Benestar de Moaña, da man de 13 veciños do Grove e Vigo, e outras nove persoas de Cangas, Meis e Sanxenxo participarán no programa con estadías no Hotel Bahía de Baiona. 17 persoas pasarán unha noite no Hotel Coia de Vigo desde Marín, Silleda e o propio Vigo, e finalmente catro persoas de Lalín quedarán no Hotel Sercotel Tres Luces, situado tamén na cidade olívica.
En total, van participar en Lecer en Familia preto de 3.000 persoas de 52 concellos da provincia, que asistirán a 12 estabelecementos entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. En réxime de media pensión, tamén realizarán actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada estabelecemento) ou accederán aos circuítos termais dos que dispoñan nas súas instalacións. Ademais de potenciar a calidade de vida das familias, o programa tamén busca impulsar o sector turístico da provincia de Pontevedra.
Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías estanse a realizar en temporada baixa (entre xaneiro e marzo), con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.