A Deputación organiza esta fin de semana novas saídas do programa Lecer en familia coa participación de 240 persoas

As estancias programadas este venres e sábado 14 e 15 de marzo levarán a familias de 22 concellos a 10 dos 12 establecementos participantes no programa

14/03/2025

A Deputación de Pontevedra programa novas saídas de Lecer en familia, que levarán a 240 persoas de 22 concellos da provincia ao longo de toda a semana a desfrutar de estancias en 10 dos 12 establecementos hoteleiros participantes no programa. O obxectivo desta iniciativa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia financiando estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros, das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.

A Sanxenxo desprazaranse, por unha banda, 63 persoas de Baiona, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Oia, Poio, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa para gozar de estancias no Hotel Carlos I Silgar.E pola outra, 79 persoas da Guarda, Moaña, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Pontevedra, Redondela, Vigo e Vilanova de Arousa asistirán ao Gran Talaso Hotel.

Esta fin de semana tamén haberá estancias nos tres establecementos participantes de Vilagarcía de Arousa. Asistirán ao Hotel Pazo O Rial 23 veciñas e veciños de Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Tui Vigo, ao Hotel Alda Castelao 16 persoas procedentes de Baiona, Cangas do Morrazo e Vigo, e outras 10 persoas asistirán ao Hotel Alda do Carril chegadas desde O Porriño, Salvaterra de Miño e Vigo.

En Vigo participarán 16 persoas procedentes de Baiona, Ponteareas, Pontevedra e Vigo que se aloxarán no Hotel Coia, mentres que outras catro persoas de Pontevedra terán unha estancia no Hotel Sercotel Tres Luces. 18 persoas de Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa desfrutarán de Lecer en familia no Hotel Bienestar de Moaña, 11 persoas de Catoira, Meaño e Pontevedra no Hotel Bahía de Baiona, e finalmente 4 veciñas e veciños de Vigo asistirán ao Hotel Restaurante Pontiñas, en Lalín.

En total, van participar en Lecer en Familia preto de 3.000 persoas de 52 concellos da provincia, que asistirán a 12 estabelecementos entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. En réxime de media pensión, tamén realizarán actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada estabelecemento) ou accederán aos circuítos termais dos que dispoñan nas súas instalacións. Ademais de potenciar a calidade de vida das familias, o programa tamén busca impulsar o sector turístico da provincia de Pontevedra.

Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías estanse a realizar en temporada baixa (entre xaneiro e marzo), con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.