A Deputación remarca o papel desenvolvido por Placeres Castellanos na resistencia francesa contra os nazis no faladoiro “Aquí faltan páxinas”

Sandra Bastos: “Para nós era unha obriga divulgar a traxectoria de Placeres Castellanos, porque queremos contar historias apaixonantes, das que sentirnos orgullosas, para visibilizar o legado de mulleres vinculadas coa nosa provincia e inspirarnos nelas”

23/05/2024

Faladoiro Aqui faltan páxinas sobre Placeres Castellanos

A Casa da Cultura de Ponte Caldelas acolleu un novo faladoiro do programa da Deputación  de Pontevedra "Aquí faltan páxinas". Neste caso, a institución provincial converteu en protagonista a Placeres Castellanos, a muller que tivo un papel clave na resistencia francesa contra os nazis, sobre a que afondou a súa neta, Silvia Caldas. A deputada provincial Sandra Bastos foi a encargada de inaugurar o faladoiro subliñando que "era unha obriga divulgar a traxectoria de Placeres Castellanos, porque queremos contar historias apaixonantes, das que sentirnos orgullosas, para visibilizar o legado de mulleres vinculadas coa nosa provincia e inspirarnos nelas".

"Non hai dúbida de que esta é unha provincia con grandes mulleres, que tiveron un papel fundamental na nosa historia pero que, lamentablemente, non sempre forman parte do relato que nos contan", destacou a deputada provincial quen incidiu no "deber de completar as páxinas que lles faltan aos libros coas súas traxectorias". Bastos remarcou que Placeres Castellanos "é un referente, que permanece vixente a día de hoxe a través da memoria que tan ben salvagarda e comparte a súa neta Silvia e que está a permitir transmitir o seu legado ás novas xeracións".

Placeres Castellanos viuse obrigada a fuxir ao sur de Francia tralo asasinato do seu marido, o mestre Víctor Fraiz, polo bando franquista trala sublevación de 1936. Alí permaneceu en campos de internamento e entrou en contacto coa resistencia francesa, coa que colaborou como guerrilleira. Ao rematar a  guerra, o seu activismo feminista levouna a representar a Marsella, onde traballaba como xornalista, no Congreso Internacional de Mulleres celebrado en París en 1945. Catro anos despois parte cara Arxentina co seu fillo pequeno e  en 1955 regresa a Galicia onde reside ata o seu falecemento en 1971.

A súa traxectoria, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa "Aquí faltan páxinas", pode consultarse nun pódcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify.  Nesta segunda edición do programa, que comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano, recóllense as historias de mulleres como Inmaculada Paz Andrade, Urania Mella, María Araujo, a raíña Urraca I de León, as madriñas de San Simón, as leiteiras de Pontevedra, Mercedes Ruibal, Avelina Valladares, María Pardo ou Mary Quinteiro, ademais de Placeres Castellanos.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.